Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

O traslado da atención telefónica de Naturgy pon en peligo a continuidade de numerosos postos de traballo en Teleperformance A Coruña

    Naturgy traslada a Colombia, en setembro, a atención telefónica de Unión Fenosa Distribución (UFD), decisión tomada exclusivamente por motivos económicos.

    20/07/2022.
    Naturgy voa a Colombia

    Naturgy voa a Colombia

    A decisión de Naturgy de trasladar a Colombia, a partir do mes de setembro, o 80 % da atención telefónica de Unión Fenosa Distribución (UFD), decisión tomada exclusivamente por motivos económicos, pon en risco os postos de traballo en Teleperformance A Coruña. Os responsables de Teleperformance A Coruña notificáronllo ao comité de empresa nunha reunión, o pasado 11 de xullo de 2022. 

    A campaña de UFD  é un servizo que se leva prestando na Coruña desde hai máis de 25 anos mediante asistencia telefónica, que incluía atención ao cliente nas zonas de distribución de Fenosa (Galicia, Castela, Madrid...) e sobre os seguintes temas:

    • Información técnica, avarías, provisións de servizo, cortes e reenganches, reclamacións, subministracións vitais, ordes de servizo que se trasladaban ao persoal técnico para revisións de contadores, lecturas, cortes, peticións de acometidas.
    • Xestión de labores administrativos, correos, seguimento de reclamacións (operacións de xestión interna).
    • Atención sobre consultas das oficinas comercializadoras, ordes de servizo, cortes por falta de pagamento, estado de altas.
    • Atención comercial de todo o servizo de mercado regulado e de mercado libre de luz e de gas xestionando reclamacións, incidencias e información de facturas, altas e baixas de contratos.

    É importante lembrar que UFD non conta con oficinas físicas, polo que a atención é exclusivamente telefónica ou por correo electrónico.

    Este servizo chegou a empregar preto de 500 persoas pero, tras varias reducións, hoxe en día é atendido por 118 persoas traballadoras que se limitan á atención técnica. Nos últimos anos, canceláronse as campañas comerciais de luz e de gas de mercado libre e regulado.

    Esta decisión ten importantes repercusións para persoal e clientes, coas seguintes implicacións:

    - Que os datos dos clientes de Naturgy estarán nun país que carece da estrita regulación sobre protección de datos existente na Unión Europea, co grave risco que pode ter en materias tan sensibles como venda de datos persoais e posibles fraudes.

    - Que, aproximadamente, só 20 persoas se ocuparán de dar atención telefónica de servizo técnico; non será posible dar cobertura a toda a atención e, desde logo, nunca en galego.

    - Que as avarías, provisións de servizo, incidencias e xestión de ordes de servizo da zona de distribución de Fenosa, na que hai que ter en conta as particularidades de Galicia, as súas nomenclaturas, lugar de, parroquia, etc., van realizarse desde Colombia cun descoñecemento total da nosa xeografía.

    - Que, ademais, non se ten en conta a situación de Galicia, cunha poboación envellecida que require, non só atención en galego, senón tamén que o operador sexa coñecedor das ditas particularidades para unha correcta atención.

    - Non existe un compromiso claro por parte da empresa de recolocación do persoal afectado noutros servizos.