enquisa de poboación activa 2º trimestre 2022
No segundo trimestre de 2022, segundo os datos da enquisa de poboación activa (EPA) publicados hoxe, medra o emprego e redúcese o desemprego: 13.800 empregos máis e 1.600 persoas desempregadas menos. Ademais, o emprego medra menos en Galicia que no conxunto do Estado: 1,27% fronte ao 1,91 % da media estatal o que agrava a fenda entre as taxas de ocupación galega e estatal (en Galicia de cada 100 persoas en idade de traballar fano 47, mentres que no estado fano 51 —taxas de ocupación do 47,20% e do 51,38%, respectivamente— .
Pero o dato máis grave é que o emprego creado non abonda para que moitos galegos e galegas saían do desemprego e da pobreza: neste segundo trimestre hai 52.500 fogares con todas as persoas en desemprego e 27.500 onde non entra ningún ingreso; en ambos os dous casos en cifras superiores ás do trimestre precedente.
O datos publicados son positivos como todos os segundos trimestres do ano, que é cando recollen o impacto das contratacións da temporada de verán, pero o incremento do emprego en 2022 é inferior ao do ano anterior polas mesmas datas.
As perspectivas económicas para o outono/inverno como consecuencia da escalada de prezos e da invasión da Ucraína non son boas. O goberno galego que comezará en breve a elaborar o proxecto de orzamento para 2023, debe artellar medidas para contribuír ao mantemento da actividade e do emprego máis aló do Xacobeo pero, sobre todo, debe establecer liñas de apoio para as persoas que mais sofren o impacto da crise e da escalada de prezos.
Análise da EPA
A EPA do segundo trimestre do ano en Galicia reflicte a creación de 13.800 empregos en Galicia, un incremento do 1,27% inferior ao do conxunto do Estado onde se rexistra un aumento do 1,91%. Galicia ten máis emprego que antes da pandemia pero case 100.000 menos que antes da crise de 2008. En 12 comunidades autónomas créase máis emprego que en Galicia.
A ocupación masculina diminúe en 900 empregos mentres a feminina crea 14.700 postos de traballo. Por sectores de actividade a situación difire: mentres que o sector primario e os servizos crean emprego, a industria e a construción pérdeno. Así, no sector primario hai 2.500 persoas ocupadas máis e nos servizos 13.600; pola contra, na industria son 500 persoas empregadas menos e na construción pérdense 1.800 empregos.
Atendendo á situación profesional das persoas traballadoras o emprego asalariado medra en 7.200 persoas mentres que o emprego non asalariado o fai en 6.500 empregos.
Ese incremento de 7.200 asalariados e asalariadas reflicte con claridade os efectos positivos da reforma laboral pois é o resultado da creación de 26.600 empregos asalariados indefinidos e a redución de 19.400 temporais.
A evolución do emprego asalariado é desigual no sector público e no privado: pérdense 1.800 empregos públicos e, pola contra, créanse 9.000 empregos no sector privado. No sector público hai 5.100 empregos indefinidos menos e 3.200 temporais máis. No sector privado créanse 31.700 empregos indefinidos mentres que os temporais caen en 22.600.
Cómpre destacar a evolución do emprego asalariado segundo tipo de xornada xa que o emprego a tempo completo medra en 14.600 persoas mentres que o emprego asalariado a tempo parcial redúcese en 800 persoas.
Galicia ten 139.400 persoas en desemprego segundo a EPA. Son 1.600 máis que no trimestre anterior. En Galicia o desemprego cae nun 1,14% mentres no Estado faino nun 8,04%.
Segundo a EPA, hai 52.500 fogares con todas as persoas en desemprego (1.800 mais que no trimestre precedente) e 27.500 nos que non entra ningún ingreso (200 mais que no primeiro trimestre).
En relación ao mesmo período do ano anterior, en Galicia temos 28.500 persoas ocupadas máis e o paro redúcese en 12.900 persoas. A evolución de ambas as dúas variables é peor que no Estado: o emprego medra en Galicia un 2,65% fronte ao 4,05% no Estado e, o desemprego diminúe un 8,49% en Galicia cando no Estado o fai nun 17,62%.