Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO reivindica o papel do persoal de intervención en ruta a bordo dos trens

    CCOO seguirá reivindicando a importancia da presenza a bordo de todos os trens do persoal de intervención en ruta para prestar un servizo de calidade ás usuarias e usuarios e colaborar para que, cando se dean situacións de emerxencia, estas se resolvan sen maiores consecuencias.

    24/08/2022.
    Interior dun tren de Renfe

    Interior dun tren de Renfe

    A raíz do incidente protagonizado por un tren —que houbo quedar cercado polo lume en Bejís, no País Valenciano—, o sector Ferroviario de CCOO reclama facer unha análise tomando a debida distancia, pero tamén con xenerosidade e altura de miras.

    Para CCOO, a actuación da maquinista foi «exemplar», pero «non podemos obviar que algo tivo que fallar para que un grupo importante de viaxeiras e viaxeiros do tren tomaran a decisión de baixarse del, desoíndo as instrucións da maquinista, coas consecuencias xa coñecidas».

    O sindicato cioda que a presenza doutra persoa da empresa «podería completar o labor realizado pola maquinista», colaborando con ela e tranquilizando, acompañando e orientando as persoas que se viron inmersas nesa situación «tan extrema».

    Esa figura, ausente nese incidente o pasado 16 de agosto, é a do persoal de comercial de trens, ao que coloquialmente coñecemos como interventor ou interventora en ruta.

    Esta persoa adoito ten as funcións do control ou expedición de billetes, atender as consultas e necesidades das persoas que utilizan os trens como medio de transporte: informar a quen necesita facer un transbordo para continuar viaxe, socorrer alguén que quedou atrapado no WC, intervir nunha situación de crispación entre viaxeiros ou actuar ante unha emerxencia médica, acompañar e custodiar os menores, auxiliar e procurar axudas para as persoas con mobilidade reducida, entre outras moitas situacións que acontecen no día a día nos trens.

    Os propios Plans de Actuación, Evacuación e Rescate en Trens de Renfe recollen que as funcións deste persoal son as de «atender as indicacións do persoal de condución en todo o relacionado coa emerxencia e trasladalas ao persoal auxiliar e auxiliar de cabina en caso de ser necesario».

    Así mesmo, nestes plans de actuación indícase que, en casos de emerxencia —como é o de parada prolongada ou indefinida—, o persoal do colectivo de comercial (interventor en ruta) deberá cumprir as indicacións recibidas do persoal de condución en relación con:

    — Informar os viaxeiros sobre o feito ocorrido, tratando de tranquilizalos.

    — Informar sobre o tempo estimado da demora (cando llo transmita o persoal de condución), evitando no posible os tempos de silencio ata a resolución da incidencia.

    — Insistir en que permanezan no interior do tren, «advertindo do risco de atropelo existente, no suposto de abandonar o tren por propia iniciativa».

    Á luz do descrito, CCOO coida «máis ca evidente» que hai circunstancias que se poden intentar evitar ou minimizar e que o «problema de fondo», que xera situacións como a acontecida a pasada semana, entre outros, é a falta de persoal na empresa pública Renfe.

    Desde o sector Ferroviario de CCOO ínstase os actores afectados (empresa, Ministerio, AESF, etc.) a «que aprendamos do sucedido e poñamos os medios necesarios para que este tipo de escenarios non se repitan».

    No caso concreto de Galicia, o sector Ferroviario de CCOO leva moito tempo denunciando que miles de trens transitan sen persoal de intervención. Por todo isto, seguirá reivindicando a importancia da presenza a bordo de todos os trens deste persoal, de xeito que se lles dea un servizo de calidade ás usuarias e usuarios e se poida colaborar para que, en situacións de emerxencia, estas se resolvan sen maiores consecuencias.