Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO sinálalle á Xunta que a atención ás persoas dependentes «precisa recursos, non ocorrencias»

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia critica a intención da Xunta de valorar telematicamente as persoas dependentes para axilizar os trámites —segundo os datos oficiais, a lista de espera para inicialos é superior a un ano—. Desde Comisións advirten da fenda dixital que afecta á meirande parte do colectivo e conclúen que o sistema de atención á dependencia (SAAD) «precisa recursos, como levamos moito tempo demandando, non ocorrencias».

    26/08/2022.
    Persoa dependente | Foto: Pixabay

    Persoa dependente | Foto: Pixabay

    A secretaria de Emprego e Política Social de CCOO, Maica Bouza, coida que a pretensión do Goberno galego «amosa un gran descoñecemento da realidade das persoas dependentes», que son principalmente persoas de avanzada idade e pouco alfabetizadas dixitalmente. Ademais, en moitas ocasións nin sequera contan con equipos aptos para realizar unha videochamada, «e iso se no seu lugar de residencia contan cunha conexión axeitada».

    En opinión da sindicalista, a Consellaría de Política Social «o que ten que facer é dotar de medios humanos e materiais os equipos de valoración», ademais de «reforzar o papel inicial dos Concellos nesta materia, pois iso si contribuiría notablemente a axilizar o proceso».

    A Xunta, «cos deberes sen facer»

    A secretaria de Emprego e Política Social de CCOO aféalle á Xunta que faga públicas estas «ocorrencias» ao tempo que está «cos deberes sen facer». Nos últimos anos, o sindicato pediu en todas as reunións do Consello Galego de Benestar Social que se cree un grupo de traballo que analice a situación do SAAD.

    CCOO tamén pediu con insistencia que se abra unha mesa do diálogo social para dar traslado en Galicia ao acordo a que se chegou en xaneiro do 2021 no diálogo social estatal para reforzar o plan de choque de atención á dependencia, asinado co Goberno do Estado para desenvolver o Plan de choque e impulso do SAAD. «A Xunta xa leva máis de ano e medio de atraso con esta obriga», censura Bouza.

    Vulnéranse os dereitos das persoas maiores

    Actualmente, as listaxes de espera para acceder ao SAAD provocan que centos de persoas falezan cada ano en Galicia sen percibiren a axuda ou prestación a que tiñan dereito, «co que iso significa de perda de calidade de vida nos seus últimos anos». Paralelamente, un número importante recibe unha axuda «desactualizada», xa que entre o momento da solicitude e a efectiva percepción «as súas condicións físicas ou psíquicas fóronse deteriorando, polo que sería precisa unha revisión». «Estanse a vulnerar os dereitos das persoas maiores e iso non o soluciona unha videochamada», conclúe Maica Bouza.