Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

Amelia Pérez: «Se persiste o bloqueo por parte da patronal, haberá un outono quente»

    A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, foi entrevistada este luns no programa 'Bos Días' da Televisión de Galicia. A preguntas da televisión pública, a dirixente sindical advertiu que, se persiste o bloqueo por parte da patronal, «é inevitable un outono quente» con mobilizacións nas rúas en defensa dos dereitos laborais.

    29/08/2022.

    URL | Código para insertar

    A secretaria xeral de CCOO lembrou que hai un «compromiso» por parte do Goberno central e unha folla de ruta: chegar ao final da lexislatura cun aumento do SMI, de xeito que alcance o 60 % do salario medio. Tal e como están agora os datos da inflación, Pérez coida «imprescindible» ese aumento do salario mínimo.

    Ademais, a sindicalista reprochoulle á patronal que teime en que o custo desta situación «a paguemos os de sempre», en referencia á negativa da CEOE a falar dos beneficios empresariais nas negociacións sobre o pacto de rendas. «Temos que falar de salarios, de beneficios empresariais, do prezo da vivenda, de reforma fiscal... un pacto en toda a súa extensión», incidiu a secretaria xeral de CCOO.

    A Xunta ten deberes pendentes

    Canto á situación económica en Galicia, Pérez sinalou que hai «eivas» que cómpre seguir superando, e advertiulle á Xunta que ten «unha serie de deberes pendentes». En particular, afeoulle que o país siga perdendo peso industrial «a pasos axigantados», dificultando o obxectivo de que a industria represente o 20% do PIB.

    Impacto da reforma laboral

    Preguntada sobre o mercado laboral, Pérez recoñeceu que a incerteza «o caracteriza todo». Non obstante, salientou que os datos de contratación dos últimos meses «foron moi bos» grazas á reforma laboral, especialmente no que respecta á contratación indefinida.

    Crise da man de obra?

    Igual que na entrevista da pasada semana na Radio Galega, a secretaria xeral de CCOO volveu ser interpelada pola suposta crise da man de obra. «A xente quere ter unhas condicións salariais e laborais dignas para poder ter un proxecto de vida», explicou a sindicalista. «O problema de man de obra require salarios e condicións laborais dignas e tamén mellores horarios», sentenciou Pérez.

    A entrevista rematou falando dos fondos europeos Next Generation. Nesta materia, a dirixente sindical lembrou as súas palabras de hai máis dun ano, cando foi elixida secretaria xeral. «Daquela, eu dicía que os proxectos debían ser serios e solventes para non xerar frustración», porque «non todo ten cabida» para ser financiado por esta vía.

    Neste sentido, Pérez considerou que «vai sendo hora de que se coñezan os proxectos» e amosou a súa esperanza en que os proxectos considerados «de país» saian adiante.