Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO valora o recoñecemento do dereito ao desemprego das traballadoras empregadas no servizo do fogar

    O sindicato considera moi positiva a mellora das condicións de traballo e o acceso ás prestacións por desemprego das persoas que traballan no ámbito do fogar, que son unha vella reivindicación do sindicato, e reclama a aplicación plena do Convenio 189 OIT.

    07/09/2022.
    CCOO reclama a aplicación plena do Convenio 189 OIT sobre o traballo doméstico

    CCOO reclama a aplicación plena do Convenio 189 OIT sobre o traballo doméstico

    CCOO celebra que o Real decreto lei aprobado o martes polo Consello de Ministros incorpore novos dereitos laborais e de protección por desemprego ás máis de medio millón de mulleres traballadoras (ao redor de 25.000 cotizando por este concepto en Galicia) que actualmente conforman o sector de empregadas no servizo do fogar. Estas medidas viñan sendo reclamadas polo noso sindicato desde hai décadas.

    O recoñecemento do dereito ás prestacións de desemprego, tanto contributivas como asistenciais; a extensión da cobertura do FOGASA; a garantía de aplicación da Lei de prevención de riscos laborais ou a limitación á figura da desistencia para extinguir os contratos laborais son, sen dúbida, avances importantes nos dereitos laborais e de protección social para este colectivo de traballadoras que, de maneira inxusta, viñan sufrindo historicamente unha desigualdade de trato que chegou incluso a merecer o reproche do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

    A partir do mes de outubro de 2022, as persoas traballadoras empregadas no servizo do fogar, maioritariamente mulleres, terán recoñecido o dereito a cotizar por prestacións de desemprego; ao tempo. CCOO agarda tamén que o sistema de bonificacións que prevía a norma estimule a regularización do emprego actualmente somerxido, de xeito que se podería chegar a 40.000 cotizantes en Galicia.

    As primeiras prestacións contributivas de desemprego xeraranse transcorrido un ano, pero a partir dos 90 ou 180 días, segundo a idade e as cargas familiares de cada persoa traballadora, poderá xerarse xa dereito a subsidios de desemprego, por aplicación da norma xeral.

    A aplicación da lexislación en materia de prevención de riscos laborais, da que actualmente se encontraban excluídas –se ben o RDL a remite á súa posterior concreción regulamentaria–, resulta igualmente un fito histórico que contribuirá sen dúbida a mellorar as condicións e as garantías laborais deste colectivo profesional.

    Finalmente, as limitacións que se impoñen á utilización da figura da desistencia como fórmula arbitraria para extinguir o contrato de traballo supoñen un paso adiante, quedando, polo tanto, moi limitadas as posibilidades de extinguir o contrato «sen causa».

    Non obstante, malia a valoración xeral positiva da reforma aprobada hoxe polo Consello de Ministros, desde CCOO tamén debemos poñer de manifesto que se trata aínda dunha reforma que non foi negociada no ámbito do diálogo social e que neste ámbito debe ser complementada, incorporando elementos do Convenio 189 da OIT que aínda quedan pendentes da súa transposición á nosa lexislación, tales como a regulación do dereito á negociación colectiva para este sector dos servizos, o papel da Inspección de Traballo ou a plena integración no réxime xeral con carácter inmediato, que quedou adiada ata 2024.