Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

A Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia celebra un encontro en Vilagarcía de Arousa

    Numerosas persoas celebraron o día 17 de setembro o V Encontro de Pensionistas de CCOO da provincia de Pontevedra, no recinto de FEXDEGA en Vilagarcía de Arousa.

    18/09/2022.

    URL | Código para insertar

    Convocados pola Federación de Pensionistas de CCOO Galicia, afiliados e afiliadas da provincia de Pontevedra, aos que se sumaron un numeroso grupo de sindicalistas das comarcas de Arousa, Pontevedra e Vigo, participaron no V Encontro de Pensionistas de CCOO da provincia de Pontevedra, no recinto de FEXDEGA en Vilagarcía. 

    Logo do saúdo de Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa, en representación da cidade que acollía o acto, dirixíronse ás persoas presentes o secretario xeral de Pensionistas de Arousa, Benito Diz, o secretario xeral de Pensionistas de Galicia, Carlos Mella, e rematou as intervencións Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO-Galicia. En todas as alocucións destacaron as necesidades básicas que os maiores teñen neste momento, facendo fincapé na sanidade primaria e a dependencia, e poñendo en valor a necesidade dunhas pensións dignas para todos.

    O coro Cantos de Liberdade, de CCOO de Vigo, amenizou a xuntanza coa súa actuación, lanzando unha mensaxe de solidariedade, xustiza e igualdade. A coral Cantos de Liberdade nace no ano 2017 grazas á iniciativa dun grupo de mulleres e homes ligados ao Sindicato das CCOO de Vigo. Deron os primeiros concertos en Vigo, Vilagarcía, A Guarda e Santiago de Compostela. Desde xuño do 2021, o director é César Lorenzo Álvarez, quen, coa súa dilatada experiencia, afonda día a día na técnica e expresividade cun innovador repertorio.

    Seguidamente celebrouse un xantar de confraternidade que resultou moi animado.

    Desde CCOO resaltamos a importancia deste tipo de actos, onde se poden analizar os problemas comúns e reforzar os contactos entre a militancia.

    Adiante compañeiros e compañeiras!