Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO esixe o pagamento dos aumentos salariais pactados no convenio da conserva

    O sindicato comarcal de CCOO-Industria de Santiago-Barbanza esixe o pagamento dos aumentos salariais pactados no convenio da conserva. Así o demandaron antes os medios de comunicación os voceiros do sindicato, Jose María González Cibes e Enrique Reino.

    13/09/2022.
    De esquerda a dereita, José María Glz. Cibes e Enrique Reino

    De esquerda a dereita, José María Glz. Cibes e Enrique Reino

    Segundo Cibes, secretario comarcal de CCOO-Industria, no convenio pactouse unha suba conforme ao IPC, que foi do 6,5 % no 2021. «A día de hoxe non se aplicou este aumento», denunciou o sindicalista. Para este ano, tamén debían subir os salarios o 1%, pero «aínda non sabemos nada», lamentou. Por iso, «esiximos que paguen ou que lle deben, tanto polos atrasos do 2021 como polo incremento deste ano».

    O secretario comarcal de CCOO-Industria lembrou que o pagamento tamén afecta ao persoal contratado mediante ETT.

    Pola súa parte, Enrique Reino sinalou que existe «crispación» no sector porque as empresas están a facer caso omiso das peticións para que se cumpra o pactado. Asemade, lembrou que CCOO «somos o único sindicato que está defendendo os traballadores». Isto, pese a que a súa postura crítica o levou a non subscribir o convenio, pero si a esixir «que se cumpra o pactado».

    Segundo os cálculos de CCOO-Industria, a débeda das empresas co persoal do sector é duns tres millóns de euros e avanzaron que acudirán á Xustiza se non se produce o pagamento do diñeiro acordado.