Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Unai Sordo reiteroulle ao comité de Ence o apoio de CCOO ao mantemento dos postos de traballo en Lourizán

    O secretario xeral confederal de CCOO, Unai Sordo, reuniuse este xoves en Vigo con membros do comité de empresa de Ence-Pontevedra, representantes de empresas auxiliares, viveiro de Figueirido e Seforcel. Nesta xuntanza tamén estiveron a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, a secretaria xeral de CCOO-Vigo, Montse Carrera, e o secretario de Acción sindical de CCOO-Pontevedra, Omar Vázquez.

    22/09/2022.
    O secretario xeral confederal, Unai Sordo, reuniuse hoxe en Vigo co comité de Ence-Pontevedra

    O secretario xeral confederal, Unai Sordo, reuniuse hoxe en Vigo co comité de Ence-Pontevedra

    A continuidade das instalacións depende do resultado dunha longa batalla xudicial que determinará o futuro de cinco mil familias. A decisión está agora mesmo en mans do Tribunal Supremo, que debe decidir se a prórroga da concesión outorgada ata o ano 2073 é válida ou non. A previsión inicial era que os maxistrados do Supremo se reunisen o 4 de outubro para votar e ditar sentenza, pero o alto tribunal pospuxo a cita sen fixar unha nova data, prolongando a incerteza.

    O secretario xeral confederal tomou nota das reivindicacións do comité de empresa da factoría de Lourizán e expresoulle o apoio do sindicato ao mantemento da empresa en Pontevedra, que xera emprego de calidade con impacto en distintos sectores de toda a comarca. Así mesmo, comprometeuse a visitar a fábrica proximamente.

    Manifestación o 30 de setembro

    Desde o comité de empresa explicáronlle ao secretario xeral confederal que «non só máis de cinco mil familias vemos gravemente ameazada a nosa forma de vida e o noso sustento, senón tamén unha cidade e unha comarca que dificilmente poderían repoñerse dun golpe como o peche da súa principal industria».

    A desaparición da fábrica de Lourizán prexudicará tanto os traballadores e traballadoras da planta, como das empresas auxiliares, transportistas, empresas de subministracións e persoal do sector forestal.

    As repercusións atanguerían, tamén, a todo o sector dos servizos da comarca de Pontevedra: hostalaría, comercio, actividades profesionais de xestión, empresas de lecer, etc. A perda desta actividade económica provocaría unha profunda crise, coa perda de miles de postos de traballo directos e indirectos, e tería unha importante repercusión na economía da comarca.

    CCOO leva anos cunha longa loita en defensa dos postos de traballo na actual localización, xa que o traslado das instalacións é inviable e non hai proposta alternativa. Por esta razón, Comisións Obreiras, sindicato maioritario no comité de empresa, convocou para o próximo 30 de setembro unha manifestación en defensa do emprego que xera Ence en Pontevedra.