Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Unai Sordo lánzalle unha advertencia á patronal do SAF: «os convenios están asinados para cumprilos»

    O secretario xeral da Confederación Sindical de CCOO, Unai Sordo, aproveitou este venres a súa visita a Galicia para manter unha xuntanza en Santiago con traballadores e traballadoras do sector de axuda no fogar (SAF), inmersas nun longo conflito por un convenio digno. A preguntas dos medios de comunicación, o dirixente sindical lanzoulle unha advertencia á patronal sectorial, que se nega a cumprir o convenio vixente, que obriga a revalorizar os soldos conforme o IPC: «os convenios están asinados para cumprilos, por algo teñen rango de lei e as leis hainas que cumprir», sentenciou.

    23/09/2022.
    Asemblea do persoal do SAF con Unai Sordo, Alejandra Gesto e Amelia Pérez

    Asemblea do persoal do SAF con Unai Sordo, Alejandra Gesto e Amelia Pérez

    Coa súa presenza, Sordo quixo «reiterar o apoio do sindicato a estas compañeiras» e instou as Administracións públicas a faceren unha «reflexión» sobre a súa propia responsabilidade na situación de servizos como os SAF. «Gran parte do problema que padecen ten que ver co concepto de externalización que teñen as Administracións públicas nos últimos anos», aseverou o sindicalista.

    Na súa opinión, o SAF é un sector que fai un traballo «esencial» e que, polo tanto, «precisa condicións dignas». Por esa razón, rexeitou que as Administracións liciten os servizos a prezos «temerarios» que «impiden unha negociación salarial digna».

    O secretario xeral confederal apelou a un «gran pacto de Estado sobre os servizos dos coidados» que, entre outras cousas, «reconsidere as condicións de traballo, o recoñecemento das competencias profesionais, plans de formación permanentes e condicións dignas».

    Preguntado polos medios de comunicación sobre os distintos anuncios de Gobernos autonómicos para reduciren a presión fiscal sobre as grandes fortunas, Unai Sordo cualificou de «obscenidade» formular ese debate «mentres estas mulleres están pelexando por que se repercuta a suba do IPC aos seus salarios». «É unha obscenidade rebaixarlles os impostos aos ricos; é unha obscenidade que as comunidades autónomas se poñan a competir a ver quen lles perdoa máis impostos aos altos patrimonios», reiterou.

    CCOO non asinará un convenio de recortes

    Pola súa parte, a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, apuntou que o SAF é un sector «eminentemente feminizado», no que case nove de cada dez persoas traballadoras son mulleres, pero que prestan o seu servizo «en intolerables condicións de precariedade».

    A dirixente sindical insistiu no «apoio total» de CCOO ás reivindicacións destas traballadoras e denunciou que as Administracións, «que teñen moita responsabilidade no que sucede», prefiran «mirar para outro lado coma se este problema non fose con elas. Claro que vai e non poden facer caso omiso», reprochou.

    Pola súa parte, a secretaria xeral de CCOO-Hábitat, Alejandra Gesto, afirmou que o sindicato non asinará ningún convenio de recortes. «CCOO non vai permitir baixo ningún convenio a perda de poder adquisitivo no SAF. Non imos asinar ningún convenio se non se garanten salarios dignos acordes á prestación que fan todos os días», advertiu.

    A sindicalista lembrou que o sector leva moitos anos reivindicando melloras laborais e salariais e criticou que, tras once anos sen unha patronal coa que negociar, agora a parte empresarial queira aproveitar o marco negociador para non aboar o 6,5 % de incremento xa asinado no convenio vixente. «Non llelo imos consentir», concluíu Gesto.