Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

23 de setembro de 2022 - Día internacional contra a explotación sexual e o tráfico de persoas

    Este 23 de setembro de 2022, CCOO quere incidir no paso positivo na eliminación deste tipo de violencia sexual: a publicación da nova Lei orgánica española, 10/2022, de 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual.

    23/09/2022. Gabinete de Igualdade de CCOO
    23 de setembro de 2022 - Día internacional contra a explotación sexual e o tráfico de persoas

    23 de setembro de 2022 - Día internacional contra a explotación sexual e o tráfico de persoas

    Baixo o paraugas de regulación orgánica, esta eiva social que desvaloriza a democracia española, a violencia exercida contra as mulleres e nenas e nenos en situación de vulnerabilidade con fins de explotación sexual, pódese por fin combater con ferramentas concretas e específicas que van facilitar a súa erradicación ou, polo menos, a súa correcta condena.

    A comunidade internacional xa viña traballando no carácter estrutural deste problema de liberdade sexual e, finalmente, España recolle o testemuño de todos eses tratados de dereitos humanos, nos cales se establece que os Estados han procurar erradicar todas as formas de violencia contra as mulleres, incluída a violencia sexual; esas normas que viñemos asinando ao longo dos pasados anos collerán forma na lexislación española.

    Como recordatorio, a primeira que ratificou España foi a Convención para a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller de Nacións Unidas, seguida dalgunhas outras como o Convenio sobre prevención e loita contra a violencia contra a muller e a violencia doméstica do Consello de Europa (Convenio de Istambul) e, en particular, o Convenio de Varsovia: Convenio sobre a loita do tráfico de seres humanos, tamén do Consello de Europa.

    Finalmente, como ben explica a nova lei orgánica española, toda a loita contra a vulneración dos dereitos humanos, en especial fronte á discriminación e violencia que sofren as mulleres e as nenas, desenvolveuse especificamente cando as Nacións Unidas impulsaron o asinamento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. En concreto, e para o tema que nos ocupa, o obxectivo 5 estableceu entre as súas metas eliminar todas as formas de violencia contra todas as mulleres e as nenas no ámbito público e privado.

    Non podemos esquecer que calquera violencia sexual representa unha vulneración do dereito fundamental de liberdade, máis aínda cando se priva a persoa do seu propio corpo e da súa propia vida. A integridade física e moral tamén son dereitos que quedan erradicados da vida destas persoas, ao tempo que as priva tanto da igualdade como da dignidade. É, polo tanto, un gran logro para a loita social contra este tipo de violencias sexuais que se recolla nunha norma con rango de lei orgánica a natureza destas vulneracións de dereitos e a forma de combatelas desde o Estado de dereito. O arraigo duns patróns discriminatorios na cultura, onde as mulleres seguen a ser consideradas, en demasiadas ocasións, obxectos, cidadás de segunda ao servizo do patriarcado mercantil, provoca que a cultura sexual facilite a impunidade destas redes criminais que empregan as mulleres e nenas e nenos para fins sexuais e as privan dunha vida digna e libre.

    Primeiramente, a lei identifica as violencias sexuais como «os actos de natureza sexual non consentidos que condicionan o libre desenvolvemento da vida sexual en calquera ámbito público ou privado, o cal inclúe a agresión sexual, o acoso sexual e a explotación da prostitución allea. […] Así mesmo, entre as condutas con impacto na vida sexual, considéranse violencias sexuais a mutilación xenital feminina, o matrimonio forzado, o acoso con connotación sexual e o tráfico con fins de explotación sexual». 

    En segundo lugar, no título IV, capítulo I, establece especificamente os servizos de asistencia integral a vítimas de trata e explotación sexual.

    En definitiva, este 2022 viran as tornas, e o 23 de setembro, Día contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Persoas, ten en España un motivo para o optimismo e o Gabinete de Igualdade de CCOO de Galicia non podía deixar de mencionalo: a publicación dunha lei orgánica que nace coa intención de erradicar todas as violencias sexuais.