Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

A Comisión ignora as organizacións sindicais e o Parlamento Europeo na revisión da directiva sobre o amianto

    CCOO pídelles ao Goberno de España e aos eurodeputados que traballen para mellorar esta proposta e protexer a saúde de traballadoras e traballadores.

    02/10/2022.
    CCOO leva moitos anos loitando polo recoñecemento ás vítimas do amianto

    CCOO leva moitos anos loitando polo recoñecemento ás vítimas do amianto

    A Comisión Europea propuxo unha revisión da directiva sobre o amianto que recolle os límites expostos polas asociacións empresariais, desatendendo as organizacións sindicais e o propio Parlamento Europeo. CCOO pídelles ao Goberno do Estado e aos eurodeputados que traballen para mellorar esta proposta e protexer a saúde de traballadoras e traballadores.

    A Comisión Europea (CE) presentou unha revisión da directiva sobre o amianto no traballo, que establece un nivel de exposición máximo que, a pesar de constituír unha diminución do valor límite actual, non recolle a proposta das organizacións sindicais nin tampouco do Parlamento Europeo.

    Malia que a utilización, produción e comercialización do amianto está prohibida en España desde o ano 2002, o material segue presente en múltiples edificios e instalacións (tellados, sistemas de aireación, sistemas de condución de auga e gas, trens, hospitais, colexios, etc.).

    O Parlamento Europeo votou en outubro de 2021 por un novo límite de 0,001 fibras/cm3, baseado no achado da Comisión Internacional de Saúde Ocupacional de que por baixo dese límite non se protexería contra o cancro relacionado co amianto.

    Con todo, a Comisión Europea propuxo un límite de 0,01 fibras/cm3, tal e como piden os lobbies industriais europeos, desatendendo as posicións das organizacións sindicais e do Parlamento Europeo e condenando así a moitos traballadores e traballadoras a niveis de exposición que non protexen a súa saúde.

    En España, actualmente o límite é de 0,1 fibras/cm3, que constitúe un valor perigosamente alto e coa proposta da (CE) pérdese a oportunidade de protexer de forma máis eficaz a saúde das persoas traballadoras.

    Os datos invisibles do cancro laboral

    1. O cancro é a primeira causa da mortalidade laboral na UE e suma máis mortes de persoas menores de 65 anos ca calquera outra enfermidade.
    2. O Marco estratéxico europeo en materia de seguridade e saúde no traballo 2021-27 sinala que o 52 % das mortes relacionadas co traballo en Europa se producen por cancro.
    3. Estímase que os axentes canceríxenos son a orixe dunhas 100 000 mortes cada ano en Europa.
    4. A exposición ao amianto causa unhas 88 000 mortes en Europa e representa entre o 55 % e o 85 % dos casos de cancro de pulmón desenvolvidos no traballo.
    5. En España, os tipos de cancro responsables dunha maior mortalidade son o de pulmón e o colorrectal. Estímanse 130 000 falecementos antes de 2050 por exposición a amianto.
    6. En España, só se recoñecen oficialmente o 0,1 % de cancros profesionais de todos os atendidos.

    As nosas reivindicacións por exposición ao amianto

    • CCOO avoga por erradicar o amianto e actualizar a súa normativa (RD 396/2006, do 31 de marzo, RD 853/2021, do 5 de outubro) co fin de protexer as traballadoras e traballadores que realizan traballos de reforma e rehabilitación.
    • Demandamos a exposición cero a axentes canceríxenos no traballo. Nestas situacións, non hai un nivel de exposición seguro (ou valor límite) por baixo do que non exista risco para a saúde.
    • Pedimos o desenvolvemento de protocolos de vixilancia sanitaria específicos e actuais para os canceríxenos con perspectiva de xénero, necesarios para unha identificación do cancro e unha pronta actuación preventiva.
    • Reivindicamos unha vixilancia postocupacional dos traballadores e as traballadoras expostos ao amianto, cunha asistencia sanitaria integral.

    Mariano Sanz Lubeiro, secretario confederal de Saúde Laboral e Sustentabilidade Ambiental de CCOO, lembra que o amianto é un canceríxeno de categoría 1 sen limiar, é dicir, calquera exposición, por baixa que sexa, leva consigo un risco de desenvolver cancro e, por tanto, o único nivel de exposición seguro é cero.

    Xunto á CES, do mesmo xeito que o Parlamento Europeo, CCOO apoiamos a proposta de baixalo a 0,001 fibras/cm3, xa que existe unha abafadora evidencia científica que apoia este valor, mentres que non hai ningunha razón que non sexa puramente económica para establecer niveis máis altos.

    CCOO pide ao Goberno da nación e aos eurodeputados que traballen en mellorar a proposta da Comisión e protexer de forma eficaz a saúde da poboación traballadora e, neste sentido, demanda ao Goberno que aclare a súa posición ao respecto.