Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO lamenta os malos datos do emprego de setembro e esíxelle á Xunta de Galicia «responsabilidade fiscal»

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia lamenta os malos datos do paro rexistrado do mes de setembro, no que, como é habitual, caeu a afiliación á Seguridade Social e aumentou o desemprego. Os indicadores en Galicia son peores ca no conxunto do Estado e, de feito, é a cuarta autonomía onde máis sobe o paro. O único positivo é a boa evolución da contratación indefinida, grazas á reforma laboral pactada por este sindicato: aumentou un 37,7 % no último mes e en valores absolutos case duplica os rexistros do mesmo mes do ano anterior. Actualmente, o 35 % dos contratos que se asinan son indefinidos, cando doce meses atrás eran o 17 %.

    04/10/2022.
    A contratación indefinida sobe grazas á reforma laboral

    A contratación indefinida sobe grazas á reforma laboral

    Para Comisións, a situación actual —marcada pola elevada inflación, altos prezos da enerxía e incertezas no ámbito internacional— require que o Goberno central actúe sobre os prezos dos bens e produtos básicos. «Non é o momento de poxas fiscais», advirte Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO. «É o momento de que arrimen o ombreiro as persoas con máis recursos para axudar aos fogares que non poden sequera afrontar o custo dos produtos básicos», sinala a sindicalista.

    Desde CCOO faise un chamamento tamén á «responsabilidade fiscal» da Xunta de Galicia nos orzamentos que está a elaborar para 2023. Lembra que os servizos públicos xa sufriron durante a pandemia e precisan de recursos humanos e económicos «para axudar as persoas que peor o están pasando agora».

    Por esta razón, o sindicato apela a reforzar a sanidade, a educación, os servizos sociais, incrementar a Risga e recuperar a tarxeta básica. «Son actuacións prioritarias nun plan de saída social da crise que debe verse reflectido nos vindeiros orzamentos», indica Maica Bouza, quen pide non esquecer tampouco o necesario apoio aos sectores produtivos, especialmente industriais, «que arrastran problemas estruturais sen resolver».

    A sindicalista sinala que é a hora de aumentar os salarios para que a clase traballadora lle poida facer fronte á situación. Precisamente, os traballadores e as traballadoras «xa fixeron a súa achega» durante a pandemia, permanecendo en ERTE co 70 % do salario mentres as empresas «se beneficiaban de bonificacións e axudas». Agora que xa se está a «dignificar» o emprego, «cómpre facer o mesmo cos salarios», insiste. Por esta razón, defende que as empresas —que están a trasladar os incrementos de prezos aos seus produtos— deben facer agora a súa contribución.

    Por último, a secretaria de Emprego de CCOO apela ao importante papel da Xunta como empregadora e esíxelle ao Goberno galego que, igual que fixo o Estatal, pacte cos sindicatos máis representativos a mellora das condicións laborais e salariais das empregadas e empregados públicos.

    Análise dos datos

    Os datos coñecidos hoxe indican que en setembro o paro rexistrado medrou en Galicia en 2197 persoas, un 1,55 %, mentres que no Estado este incremento foi menos da metade, un 0,60 %. A afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha caída de 1000 afiliados e afiliadas; se consideramos os datos da afiliación media mensual, a redución é moi superior: 5985 persoas afiliadas menos que no mesmo período do mes anterior. 

    En Galicia había 144 109 persoas desempregadas ao remate do mes de setembro, un 5,84 % menos ca no mesmo mes do ano anterior (porcentaxe superior á rexistrada no conxunto do Estado, onde o desemprego cae un 9,7 % en termos anuais).

    No mes de setembro fixéronse 81 005 contratos en Galicia, un 12,85 % máis ca en agosto, pero case tres veces menos ca no conxunto do Estado (29,37 %). Cabe destacar aquí a boa evolución da contratación indefinida, que medrou o 37,7 % no último mes, fronte ao 2,65 % de incremento da temporal. Porén, a maior parte dos contratos seguen a ser eventuais (52 261 fronte a 28 744 indefinidos). Os datos publicados hoxe evidencian que a temporalidade na contratación se reduciu en 19 puntos no último ano, pasando de supoñer o 83 % do total en xuño de 2021 ao 64 % en setembro de 2022, debido á xa mencionada reforma laboral.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 59 078 homes (965 máis ca no mes anterior) e 85 031 mulleres (1232 máis) e o paro sobre tanto entre as mulleres (1232 máis) como nos homes (1965 máis). Actualmente, seis de cada dez persoas paradas son mulleres.

    Atendendo ás idades, hai 5344 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (148 menos que en marzo) e 138 765 maiores desa idade (2345 máis).

    O paro increméntase en todos os sectores de actividade, pero fundamentalmente no dos servizos. No sector primario hai 15 persoas desempregadas máis, 91 na industria, 26 na construción e 2227 nos servizos. No colectivo sen emprego anterior hai 62 persoas paradas menos.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día do mes, a afiliación cae en 1000 persoas, ata situarse en 1 038 540 afiliados e afiliadas. En termos porcentuais é unha caída do 0,1 %, mentres que no Estado aumenta case un punto (0,9 %).

    A afiliación media mensual redúcese en 5985 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 049 346. Deste total, 822 202 corresponden ao réxime xeral, 207 011 ao de autónomos e 20 134 ao réxime especial do mar. Con estes datos, a afiliación media en Galicia diminúe un 0,57 %, mentres que no Estado medra un 0,15 %.

    Prestacións por desemprego

    En maio cobraron algún tipo de prestación por desemprego 82 930 persoas: 39 786 prestacións contributivas e 43 144 subsidios. En relación cos ERTE do mes de setembro, este mecanismo daba cobertura a 1791 persoas a final do mes, das cales 1650 estaban en ERTE ETOP, 95 en erte de forza maior e 46 no Mecanismo rede sectorial de axencias de viaxes. Do total de persoas afectadas, 1242 son homes e 549 mulleres.