Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

CCOO reuniu xa máis da metade das sinaturas comprometidas para a ILP en defensa da atención primaria

    Comisións Obreiras informa de que xa reuniu máis da metade das sinaturas que se comprometera a recoller para a iniciativa lexislativa popular (ILP) en defensa da atención primaria. Este martes superou xa as 1300 das 2500 que deberá conseguir o sindicato, membro da Plataforma SOS Sanidade Pública.

    11/10/2022.
    Recollida de sinaturas en Pontevedra para a ILP en defensa da atención primaria (11/10/2022)

    Recollida de sinaturas en Pontevedra para a ILP en defensa da atención primaria (11/10/2022)

    O número mínimo de sinaturas que precisa unha ILP para ser admitida a trámite é de 10 000. Por este motivo, Maica Bouza, secretaria de Emprego e Política Social de CCOO, pide a colaboración de toda a cidadanía. «Vainos a saúde nisto», sinala a sindicalista.

    CCOO denuncia que a Consellaría de Sanidade leva anos recortando o sistema sanitario público, particularmente a atención primaria, e favorecendo o sector privado. Así mesmo, critica que o Sergas é «incapaz» de planificar e xestionar a atención primaria, «pondo en risco a continuidade do sistema».

    Segundo os datos de que dispón CCOO, o persoal foi reducido á metade en moitos centros de saúde e puntos de atención continuada (PAC). Isto, xunto coas as barreiras para conseguir cita e os peches de centros, «limitan o acceso ao sistema e crean listaxes de espera inaceptables», apunta a portavoz sindical. Tamén se perderon servizos, como a promoción da saúde, a prevención, a rehabilitación ou o traballo comunitario.

    Obxectivos

    Con esta iniciativa, SOS Sanidade quere que o Parlamento de Galicia debata e aprobe unha serie de medidas para rescatar e fortalecer a atención primaria: incrementar o persoal, priorizar a atención presencial, reabrir os centros de saúde e PAC pechados, acabar coa precariedade laboral e fomentar a participación da poboación e do persoal sanitario na planificación e xestión dos centros.