Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Amelia Pérez: «Cada Administración ten na súa man poder axudar as familias que o están pasando mal»

    A secretaria xeral de CCOO foi entrevistada esta mañá en Radio Galicia-Cadena SER con motivo da reunión convocada pola Xunta de Galicia para esta tarde sobre os orzamentos do 2023. Amelia Pérez explicou que agarda que esta reunión non sexa un intercambio de reproches entre as distintas Administracións, ás que lles lembra que teñen na súa man poder axudar a quen peor o está pasando.

    26/10/2022.
    Amelia Pérez, secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

    Amelia Pérez, secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

    «Espero que non vaiamos a unha xuntanza para escoitar reproches entre distintas Administracións, porque creo que non tocan», expresou a secretaria xeral de CCOO. Na súa opinión, a situación conxuntural «é moi complicada e a Xunta non pode pretender que escoitemos unha vez máis nunha xuntanza que a culpa de todo a ten o Goberno central».

    Preguntada sobre os fondos europeos Next Generation, a secretaria xeral de CCOO lembrou que «están pensados para abordar a recuperación pos-covid» e destinados, fundamentalmente, aos obxectivos de cambio de modelo enerxético, procesos de dixitalización, economía dos coidados e tamén a cuestión da inflación.

    Neste sentido, Amelia Pérez insistiu en que cada Administración «ten a súa responsabilidade e a súa parte de culpa» na actual situación e cada unha delas ten posibilidades de axudar con medidas de apoio ás familias para que nesta conxuntura tan complicada se sufra o menos posible».

    Audios asociados

    Entrevista a Amelia Pérez na Cadena SER (26/10/2022)