Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

CCOO defende un novo modelo de coidados que poña no centro o benestar das persoas e as condicións laborais

    A secretaria de Emprego e Política Social de CCOO, Maica Bouza, defendeu hoxe en Ourense un novo modelo de coidados que «poña no centro» o benestar das persoas e as condicións de traballo. Así o expresou a sindicalista na segunda xornada do XVII Seminario de Atención ás Persoas Maiores que organiza o sindicato. «Coidar significa apoiar ás persoas na súa autonomía, axudarlles a desenvolverse na vida cotiá. Todas as persoas necesitamos coidados ao longo da nosa vida», salientou.

    26/10/2022.
    Intervención da secretaria de Emprego e Política Social de CCOO, Maica Bouza

    Intervención da secretaria de Emprego e Política Social de CCOO, Maica Bouza

    Os coidados das persoas dependentes poden ser informais —a cargo de familia, amizades ou veciñanza—, profesionais —sanitarios, sociais ou outros— ou ambos os dous. Sexa como for, o obxectivo é conseguir que unha persoa que non sexa totalmente capaz de coidar de si mesma «manteña a mellor calidade de vida posible».

    Malia o avance producido nos últimos anos, os coidados seguen estando maioritariamente en mans de mulleres, ben sexan informais ou profesionais. Segundo Bouza, «unha das razóns é a falta de valorización económica e social das tarefas do coidado». Por este motivo, a dignificación das tarefas do coidado e unhas axeitadas condicións laborais resultan «esenciais» para construír un novo modelo que, ademais, sexa «coherente» co Estado social e de dereito.

    Para CCOO, cómpre abordar «canto antes» este reto, xa que o avellentamento da poboación, xunto coa maior esperanza de vida, aumentarán a cifra de persoas dependentes e, polo tanto, que precisen coidados. No último medio século, a poboación maior de 65 anos pasou do 11 % en 1970 ao 31 % en 2022 «e subindo», apuntou Bouza.

    No caso español e galego, o modelo de apoio ás persoas maiores está caracterizado polo papel «central» das redes familiares como principais provedoras de coidados, mormente a cargo de mulleres: «en España, un 76 % de coidado informal é provisto por unha muller», explicou a sindicalista neste seminario. «Así, o perfil da persoa coidadora é o dunha muller con lazos de parentesco, cunha media de 55 anos, casada, con fillos e sen emprego remunerado», abundou Bouza.

    Cambiar o modelo

    O modelo de coidados que defende CCOO debe a atender as necesidades e desexos das persoas, tendo en conta a súa heteroxeneidade e os distintos ámbitos nos que leve a cabo: no domicilio particular, na atención primaria, nos coidados de longa duración, nos centros residenciais, nos coidados ao final da vida.

    Tamén debe contar con perspectiva de xénero, de xeito que o peso dos coidados non recaia nas familias e menos aínda nas mulleres. «Por iso, requírese dignificar a figura da persoa coidadora mellorando os empregos e os recursos de apoio ás persoas coidadoras familiares», sinalou a secretaria de Emprego Política Social de CCOO.

    A aposta de CCOO é conseguir «un gran pacto social, político, laboral e institucional» que garanta un coidado «público e profesionalizado» a menores —especialmente de 0 a 3 anos—, dependentes, maiores ou persoas enfermas ou con discapacidade que necesitan atención. Este sistema deberá contar con financiamento e servizos públicos suficientes e «asentar na profesionalización das diferentes ocupacións do sector dos coidados e o emprego decente», concluíu a sindicalista.