Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Abril 2024.

A EPA constata a eficacia da reforma laboral pactada por CCOO e a necesidade de orzamentos e salarios xustos

    Os datos da enquisa de poboación activa (EPA), publicados hoxe, «constatan a eficacia da reforma laboral pactada por CCOO», así como a necesidade de orzamentos e de salarios «xustos». Así o certifica a secretaria de Emprego de Comisións Obreiras, Maica Bouza. No terceiro trimestre deste 2022, a EPA revela que hai 8500 persoas empregadas máis e 4600 desempregadas menos. Asemade, o emprego medra máis en Galicia que no conxunto do Estado: 0,77 % fronte a un 0,38 % da media estatal. Pola contra, o paro redúcese en Galicia nun -3,3 %, mentres que no Estado medra nun 2,08%.

    27/10/2022.
    Datos da enquisa trimestral de poboación activa (EPA)

    Datos da enquisa trimestral de poboación activa (EPA)

    «Constátase unha desaceleración na creación de emprego con menor impacto do esperado debido aos bos resultados da reforma laboral. O emprego asalariado medra en Galicia e o fai polo pulo do emprego indefinido pois o temporal redúcese», insiste a sindicalista de CCOO.

    Porén, Bouza amosa a súa preocupación por un dato «especialmente grave»: o emprego creado non abonda para saían do desemprego e da pobreza moitos galegos e galegas. Neste trimestre hai 50 800 fogares con todas as persoas en desemprego e 24 700 onde non entra ingreso ningún. En ambos os dous casos, as cifras son inferiores ás do trimestre precedente.

    Segundo Bouza, seguimos nun contexto de elevada inflación, altos prezos da enerxía e incertezas no ámbito internacional que afectan aos prezos dos bens e os produtos e básicos, unha conxuntura que «fai difícil para moitas familias chegar a fin de mes». Por este motivo, insta a Xunta a «dar resposta a estas necesidades».

    Para isto, a secretaria de Emprego e Política Social de CCOO coida preciso modificar no seu trámite parlamentario o anteproxecto de orzamentos autonómicos do 2023 co obxectivo de incorporar un plan social de saída da crise. «Non abondan os parches previstos se non hai modificacións lexislativas de calado na normativa de protección social autonómica», advirte Bouza.

    A dirixente sindical tamén esixe «non abandonar á súa sorte» os sectores produtivos, especialmente industriais, «que arrastran problemas estruturais sen resolver, malia que a Xunta ten plenas capacidades en políticas industrial». Do mesmo xeito, reproba que se maquille o investimento en servizos públicos «cando a pandemia puxo de manifesto que estaban nunha situación precaria».

    Por último, insta as patronais a se comprometeren tamén coa saída da crise. «Non poden facer recaer o custo dela nos ombreiros da clase traballadora; é precisa a repartición dos beneficios cos traballadores e coas traballadoras mediante a mellora dos seus salarios e a garantía do poder adquisitivo».

    Análise da EPA

    A EPA do terceiro trimestre do ano en Galicia reflicte a creación de 8500 empregos en Galicia, un incremento do 0,77 % superior ao do conxunto do Estado onde se rexistra un aumento do 0,38 %. Galicia ten máis emprego que antes da pandemia, pero case 100 000 empregos menos que antes da crise de 2008. 

    A ocupación masculina medra en 4300 empregos e a feminina en 4200. O emprego sobe en todos sectores de actividade, aínda que con diferente intensidade: no sector primario hai 4400 persoas ocupadas máis, 1600 nos servizos, 1300 na construción e 1200 na industria. Atendendo á situación profesional das persoas traballadoras, o emprego asalariado medra en 12 200 persoas, mentres que o emprego non asalariado perde 3600 empregos. 

    Ese incremento de 12 200 asalariados e asalariadas «reflicte con claridade os efectos positivos da reforma laboral», apunta Maica Bouza, «pois é o resultado da creación de 26600 empregos asalariados indefinidos e a redución de 14 400 temporais», explica.

    Análise por sectores e tipo de xornada

    A evolución do emprego asalariado ten un comportamento similar no sector público e no privado: créanse 3500 empregos públicos e 8700 empregos no sector privado. No sector público hai 9200 empregos indefinidos máis e 5700 temporais menos. No sector privado créanse 17 300 empregos indefinidos, mentres que os temporais caen en 8800.

    Mención propia merece a evolución do emprego asalariado segundo tipo de xornada, pois o emprego a tempo completo medra en 15 300 persoas, mentres que o emprego asalariado a tempo parcial se reduce en 6700.

    Análise intertrimestral e interanual

    Segundo a EPA, Galicia ten 134 800 persoas en desemprego, 4600 menos que no trimestre anterior. Como xa se indicou, o desemprego cae nun 3,3 %, mentres no Estado sobe un 2,08 %.

    En relación ao mesmo período do ano anterior, en Galicia hai 1300 persoas ocupadas máis e o paro medra en 8100 persoas. A evolución de ambas as dúas variables é peor que no Estado: o emprego medra en Galicia un 0,11 % por un 2,57 % no Estado, ao tempo que o desemprego medra un 6,42 % en Galicia, pero no Estado cae un 12,78 %.