Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

As Comisións Obreiras de Galicia saen ás rúas de Madrid para pedir subas salariais e o desbloqueo da negociación colectiva

    03/11/2022.

    URL | Código para insertar

    🔵Saúdo en directo da secretaria xeral de CCOO-GALICIA: AQUÍ. «Foi un orgullo para CCOO a mostra de militancia e compromiso coa clase traballadora que demostrou o noso activo sindical».

    Miles de traballadoras e traballadores, de delegados e delegadas sindicais, procedentes de todos os recunchos do país, participaron nas marchas a Madrid convocadas por CCOO e UGT para protestar contra a actitude irresponsable e egoísta de CEOE e CEPYME, que apostan pola conxelación dos salarios ante o aumento desbocado dos prezos.

    Como denunciou o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, «as organizacións empresariais están demasiado afeitas a saír da crise sempre pola vía da desvalorización dos salarios, a destrución de emprego e das condicións de vida da maioría social».

    Tres marchas e unha gran concentración

    Desde primeiras horas da mañá, e desafiando a choiva, a multitudinaria participación nas marchas, que foron avanzando en tres columnas desde Atocha, praza de España e Porta de Toledo, ata a Praza Maior, colapsou as céntricas rúas da capital que se viron asolagadas por miles de manifestantes, os petos vermellos e as bandeiras de cada organización, que poñían a nota multicolor a unha nova xornada de protesta baixo o lema “salario ou conflito”.

    Unha gran mobilización que reflicte a indignación e rebeldía da clase traballadora ante a mesquindade dunha patronal que só pensa en salvagardar os seus beneficios, trasladando o incremento dos prezos á cesta da compra e á conta de conxelar os salarios, xerando situacións de desigualdade e pobreza.

    Neste sentido, os manifestantes xa advertiron que «ante a negativa da patronal ás propostas sindicais, a nosa resposta seguirá sendo a loita e a mobilización ata que senten a negociar o incremento dos salarios».

    As reivindicacións son xustas

    O contexto de inflación desbocada, con orixe no conflito de Ucraína, mantense e agrávase porque as grandes empresas aproveitan a situación para trasladar a alza de prezos ao resto de produtos, ampliando de forma desproporcionada as súas marxes de beneficios e encarecendo o custo da vida. Por iso os sindicatos sosteñen que é fundamental garantir o poder adquisitivo das familias traballadoras e evitar que a cidadanía volva pagar os custos dunha crise que non xerou.

    Se a isto se engade a recente decisión do BCE de subir os tipos de xuro por terceira vez no que vai de ano, é evidente que, se non aumentan os salarios, reducirase aínda máis o consumo, o que repercutirá negativamente na actividade económica e lastrará a creación de emprego, empeorando aínda máis a situación. 

    As organizacións sindicais demandan responsabilidade á patronal para que desbloquee a negociación colectiva, sente á mesa para alcanzar un novo Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC) que dea confianza e certeza á economía; pero ante a súa negativa, animan a cidadanía a participar na manifestación convocada en Madrid. 

    Saúdo en directo da secretaria xeral de CCOO-GALICIA durante a manifestacion de onte en Madrid

    🔵 Desde a Comisión Executiva de CCOO de Galicia, o noso agradecemento pola importante participación do noso territorio na MANIFESTACIÓN de onte en Madrid.