Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

Ferrol acolleu a estrea do documental ’10 de Marzo’, patrocinado polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

    Ferrol acolleu o pasado sábado, 28 de outubro, a estrea do documental 10 de Marzo, dirixido por Roi Cagiao, producido por Arthur Gordon e patrocinado polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e outras entidades. O filme, de 80 minutos de duración, exhibirase no festival Cineuropa de Santiago de Compostela e chegará aos cinemas a partir do 25 de novembro.

    31/10/2022.
    Estrea do documental '10 de Marzo'

    Estrea do documental '10 de Marzo'

    Á estrea acudiu unha ampla representación de CCOO, como entidade patrocinadora do documental, destacando a presenza de varios membros da súa Comisión Executiva Nacional. Tamén asistiron ex-secretarios xerais do sindicato e membros de distintas estruturas da organización, que contribuíron a ateigar o teatro Jofre para esta cita.

    Ferrol, 1972

    O 10 de marzo de 1972, a policía franquista dispara en Ferrol contra unha manifestación pacífica de traballadores, causando dúas mortes —Amador Rey e Daniel Niebla— e ducias de feridos de bala. Este acontecemento, a repercusión súa internacional e o posterior proceso xudicial no que as vítimas son xulgadas, establecerá un antes e un despois para a sociedade galega na loita contra a ditadura.

    O documental

    Dirixido por Roi Cagiao, coa produción executiva de Emilio J. Fernández e guión do propio Cagiao mais de Iñaki Varela, artéllase arredor de entrevistas a máis dunha ducia de protagonistas dos sucesos de Ferrol de 1972, entre os que se inclúen líderes sindicais da época no estaleiro Bazán (actual Navantia Ferrol), distintos dirixentes e activistas de CCOO e do PC, así como algúns dos denominados 'cregos roxos'.

    Ademais das entrevistas, o filme constrúe o seu discurso narrativo a través de imaxes de arquivo, algunhas delas practicamente inéditas, e tamén dramatizacións.

    Cineuropa e estrea en salas

    Despois de Ferrol, o documental poderase ver no prestixioso festival Cineuropa de Santiago de Compostela. Será o vindeiro venres, 11 de novembro, ás 22:00, na sala Numax. A partir do 25 de novembro chegará ás salas de cinema.

    «Un todo» con Vigo 1972

    Segundo o director, Roi Cagiao, 10 de Marzo non é unha secuela de Vigo 1972, tamén patrocinado por CCOO e estreado en 2017, senón que as dúas fitas forman «unha obra completa». Desta nova creación agarda que teña «o mesmo éxito» que a súa irmá viguesa.