Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

CCOO reúnese co fiscal de sala coordinador de Seguridade e Saúde no Traballo

    O fiscal coordinador de Seguridade e Saúde comunicoulle a CCOO a súa aposta polo aumento das competencias da Fiscalía de Seguridade e Saúde na xurisdición social para poder intervir nos procesos derivados de accidentes de traballo e enfermidades profesionais. 

    05/11/2022.

    URL | Código para insertar

    Representantes da Secretaría de Saúde Laboral e Sostibilidade Ambiental, do Gabinete Xurídico e os Servizos Xurídicos de CCOO de ámbito estatal mantiveron unha reunión co fiscal de sala coordinador de Seguridade e Saúde no Traballo e co seu equipo para analizaren a realidade da prevención e a sinistralidade no noso país, así como explorar liñas de colaboración que poidan traducirse nun pulo á saúde e a seguridade da clase traballadora.

    O forte aumento da sinistralidade laboral dá máis relevancia, se cabe, ao papel do fiscal de sala coordinador de Seguridade e Saúde no Traballo, e tamén fai importante buscar sinerxías entre ambas as institucións para abordar solucións máis eficaces.

    No transcurso da reunión, ambas as partes compartiron a análise da evolución da sinistralidade no noso país e a necesidade de redobrar todos os esforzos para diminuír e conter os accidentes de traballo e, fundamentalmente, frear os accidentes graves e mortais, partindo da reflexión inicial de como a prevención foi perdendo valor paulatinamente, non só en medios empresariais senón tamén en moitos espazos públicos.

    Protocolo marco de colaboración

    Tratáronse aspectos moi relevantes para CCOO, como a actualización do protocolo marco de colaboración entre o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio do Interior, o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e a Fiscalía Xeral do Estado para a investigación eficaz e rápida dos delitos contra a vida, a saúde e a integridade física dos traballadores e traballadoras e a execución das sentenzas condenatorias.

    Procedementos penais, formación e especialización

    CCOO transmitiulle á Fiscalía a urxente necesidade de axilizar os procedementos penais, que actualmente son demasiado longos, con períodos medios de máis de cinco anos e que converten as vítimas do traballo nas grandes esquecidas, malia estaren moitas veces en situacións moi vulnerables. Neste sentido, ambas as institucións compartiron a necesidade de lles dar maior proxección ás Unidades Especializadas en Sinistralidade Laboral e reforzalas con máis medios materiais e humanos.

    A formación de xuíces e a especialización dos xulgados en Seguridade e Saúde no Traballo é unha aposta clara tanto da Fiscalía como de CCOO; é moi evidente que especializar e formar a xudicatura permitiría non só acurtar os tempos de resposta da xustiza, senón tamén que sexa máis axustada ao tipo de delitos xulgados.

    Outro tema de especial interese foi a invisibilización dos danos ás mulleres, tamén no ámbito penal. Neste sentido, estiveron de acordo na necesidade de levar a este campo a especificidade das mulleres no medio laboral, acometendo os diferentes riscos e danos que sofren na xestión da seguridade e a saúde no traballo.

    Tratar os delitos en referencia ás enfermidades profesionais debe ser unha prioridade. Hai que ter en conta que, segundo a OIT e a OMS, as enfermidades derivadas do traballo causan catro veces máis mortes que os accidentes de traballo e, con todo, en moi poucas ocasións as persoas enfermas ou os seus familiares ven resarcidos os seus danos e restaurados os seus dereitos.

    Unidade inregral

    A Fiscalía trasladou ao sindicato a súa aposta pola creación dunha unidade integral que asuma todos os delitos recollidos no artigo 311 e sucesivos do título XV do Código penal, en defensa de todos os dereitos dos traballadores e traballadoras, a necesidade de especializar os xulgados nesta materia, así como ampliar as competencias da Fiscalía de Seguridade e Saúde na xurisdición social para poder intervir nos procesos derivados de accidentes de traballo e enfermidades profesionais.