Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

CCOO subliña ante o delegado do Goberno en Galicia o carácter «estratéxico» das conexións ferroviarias con Portugal

    Esta mañá, unha representación do sector Ferroviario de CCOO, encabezada polo seu coordinador, Gregorio Bermejo, reuniuse co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, para trasladarlle de primeira man os problemas que hai actualmente no servizo e nas infraestruturas ferroviarias. O sindicato tamén lle expuxo ao representante gobernamental as súas propostas para mellorar este medio de transporte, salientando o carácter «estratéxico» do Eixo Atlántico, da liña do Miño e das conexións con Portugal.

    08/11/2022.
    Trens de Renfe na localidade de Ribadeo, na Mariña

    Trens de Renfe na localidade de Ribadeo, na Mariña

    Para os representantes de CCOO, o servizo ferroviario que precisa Galicia non pode asentar só na alta velocidade —necesaria para conectar as capitais estatais—. As comunicacións que vertebran o territorio han basearse na intermodalidade, combinando para iso distintos medios de transporte. No caso do ferrocarril, cómpre unha rede de proximidade que favoreza a mobilidade, con frecuencias axeitadas e prezos económicos.

    Na xuntanza, o sector Ferroviario de CCOO tamén lle sinalou a Miñones que en Galicia aínda non se recuperaron a totalidade de servizos que había antes da pandemia. Ademais, aqueles que si se recuperaron non cumpren todas as necesidades das persoas usuarias.

    O peor, segundo CCOO, é que nalgúns casos incluso empeorou o servizo respecto da situación previa á covid. É o caso de Vigo-Ourense polo corredor do Miño, Ourense-O Carballiño, Ponferrada-Monforte-Ourense, A Coruña-Lugo-Monforte e A Coruña-Ferrol. «Temos a impresión de que Renfe non ten intención de mellorar estes servizos, o que supón un paso máis no desmantelamento progresivo do transporte ferroviario de viaxeiros nas liñas convencionais», apunta Bermejo.

    Para o sector Ferroviario de CCOO, o futuro do transporte ferroviario de viaxeiros en Galicia está vinculado á implantación de servizos de proximidade nas áreas metropolitanas de Vigo e da Coruña, ademais de potenciar os servizos de media distancia no resto de liñas convencionais, as conexións co norte de Portugal e habilitar máis frecuencias na liña de ancho métrico na Mariña. «A creación dos servizos de proximidade implica maiores frecuencias e o abaratamento dos títulos de transporte», subliña Bermejo.

    Desde o sector Ferroviario de CCOO tamén lle entregaron ao delegado do Goberno o seu proxecto de trens de proximidade transfronteirizos entre Galicia e o norte de Portugal, así como o documento de eixes básicos de actuación ferroviaria —tamén elaborado polo sindicato—. Ambos os documentos xa lles foron presentados no último ano a distintas administracións e institucións, tanto galegas como portuguesas.

    Na reunión, CCOO defendeu investir na rede convencional, destacando o corredor do Miño entre Ourense e Vigo, a liña A Coruña-Ferrol, o tramo entre A Coruña e Lugo, a liña convencional entre Ourense e Santiago, e a liña entre Monforte e Ponferrada. Así mesmo, amosou a súa preocupación pola non inclusión de Galicia no proxecto europeo de autoestradas ferroviarias para trens de mercadorías.

    Os representantes de CCOO transmitíronlle ademais a Miñones o seu rexeitamento á disposición transitoria 3.ª do Anteproxecto de lei de mobilidade sostible, pois «abre a porta á supresión de servizos de obrigación de servizo público e, polo tanto, ao peche de liñas ferroviarias», segundo Bermejo.

    O delegado do Goberno recolleu estas demandas e comprometeuse a trasladarlle ao Ministerio de Transportes e Mobilidade as peticións e propostas do sindicato.