Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

CCOO participa na presentación do documental «20 anos de dignidade», sobre as dúas décadas de Nunca Máis

    14/11/2022.
    Acto de presentación do documental | Foto: © Cristina Saiz / PontevedraViva

    Acto de presentación do documental | Foto: © Cristina Saiz / PontevedraViva

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, organización membro da comisión xestora da plataforma Nunca Máis, participou o domingo en Pontevedra na presentación do documental 20 anos de dignidade. Esta peza audiovisual, duns 40 minutos de duración, repasa os fitos esenciais da catástrofe do Prestige e da reacción cívica ao redor da plataforma.

    A representante de CCOO neste acto foi Maica Bouza, secretaria de Emprego e Política Social, que lembra a multitudinaria manifestación do 1 de decembro de 2002 en Santiago de Compostela. «A famosa "manifestación dos paraugas", nunca se volveu ver algo igual en Galicia», apunta. A sindicalista tamén rememora que o espírito de Nunca Máis seguiu vivo nos anos seguintes, incluíndo manifestacións constantes na Coruña os anos 2012 e 2013, durante os meses que durou o macroxuízo que investigou a causa.

    O documental, dirixido por Xosé Aragunde, dá voz aos principais protagonistas, tanto da parte das Administracións, como dos distintos axentes sociais que se articularon ao redor de Nunca Máis. A cantante Uxía, unha das voceiras da plataforma, salientou a importancia de «recapitular, de pensar como chegamos até aquí e de tentar saber que pouso deixou este movemento social, esta plataforma que foi Nunca Máis».