Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

O Goberno dinamita o fondo do amianto vetando a tramitación das emendas aos orzamentos do Estado

    CCOO, UGT e a asociación Fedavica acusan o Goberno do Estado de dinamitar o fondo do amianto. Segundo as tres organizacións, o veto das emendas aos orzamentos xerais impiden aprobar unha exención tributaria para as indemnizacións, o que supón unha discriminación para estas vítimas respecto doutros colectivos. «Isto converte o fondo nun instrumento ineficaz para compensar as persoas que perderon a saúde e a vida pola súa exposición a este axente canceríxeno», lamentan.

    17/11/2022.
    CCOO leva moitos anos loitando polo recoñecemento ás vítimas do amianto

    CCOO leva moitos anos loitando polo recoñecemento ás vítimas do amianto

    O veto gobernamental apóiase no artigo 134.6 da Constitución, que prevé que «toda proposición ou emenda que supoña aumento dos créditos ou diminución dos ingresos orzamentarios requirirá a conformidade do Goberno para a súa tramitación».

    As emendas foron presentadas por varios grupos parlamentarios por proposta de CCOO, UGT e Fedavica, co obxectivo de que as vítimas que aceptasen as indemnizacións non tivesen que cotizar no IRPF entre o 45 % e o 47 %, tanto do importe das ditas compensacións, como do conxunto de ingresos do exercicio fiscal correspondente —incluídas rendas do traballo ou pensións.

    Esta decisión «desvirtúa» o obxectivo que se perseguía coa creación do fondo de compensación para as vítimas do amianto, que pretendía evitarlles ás persoas afectadas «os complexos trámites administrativos e xudiciais para acceder a unha indemnización».

    Para as tres organizacións, esta decisión do Goberno «revitimiza as persoas afectadas polo amianto e convérteas en vítimas de segunda categoría», máis aínda cando o Estado español ten unha «responsabilidade directa» nos danos á saúde por permitir, durante décadas, o uso e comercialización do amianto, facendo caso omiso da evidencia científica sobre a súa letalidade.

    A isto únese o paradoxo de que o fondo do amianto podería seguir litigando contra as empresas responsables dos danos padecidos polas vítimas, baseándose na subrogación prevista pola lei. Nestes casos, as indemnizacións que puidese obter o fondo por vía xudicial si estarían exentas de tributación.

    Engano do Grupo Socialista

    CCOO, UGT e Fedavica alertaron disto os grupos parlamentarios durante o trámite da lei que crea o fondo (Lei 21/2022) e solicitaron a inclusión da exención no articulado da norma. Nese momento, «as portavoces do Grupo Parlamentario Socialista no Congreso indicáronnos que era mellor non introducilo para facilitar a aprobación da lei», suxerindo que se podería incluír «durante o trámite no Senado ou na tramitación da lei dos orzamentos xerais».

    Posteriormente, o Grupo Socialista no Senado sinalounos «a imposibilidade de incluílo na lei», comprometéndose a organizar unha reunión conxunta das tres entidades cos grupos parlamentarios socialistas e cos ministerios implicados —Facenda e Seguridade Social—, encontro que xamais se produciu.

    Por esta razón, CCOO, UGT e Fedavica denuncian que «fomos enganados» durante a tramitación da lei por parte dos portavoces socialistas do Congreso e do Senado, «pero o máis grave é que traizoan o espírito da proposta dun fondo de compensación ás vítimas que levabamos quince anos reclamando».

    Por todos estes motivos, xa están estudando convocar accións para que o Goberno rectifique a súa decisión e se comprometa publicamente a incorporar as indemnizacións do fondo do amianto ao conxunto de rendas exentas de tributación do IRPF.