Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Acoso sexual e por razón de sexo no traballo: «Imos contalo»

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia organizou este luns en Teo, na comarca de Santiago, unha xornada sobre o acoso sexual e por razón de sexo no traballo baixo o lema «Imos contalo».

    21/11/2022.
    Xornada de CCOO por uns centros de traballo libres de violencia

    Xornada de CCOO por uns centros de traballo libres de violencia

    A presentación correu a cargo de Rebeca Pérez, técnica do Gabinete de Igualdade de CCOO. A seguir tomou a palabra Carolina Vidal, secretaria confederal de Mulleres, Igualdade e Condicións de Traballo, quen explicou as principais conclusións do observatorio que CCOO acaba de crear para loitar contra todas as formas de violencia machista e crear espazos de traballo máis seguros.

    A páxina web do observatorio está pensada para que as persoas poidan denunciar de xeito rápido e seguro calquera situación de acoso da que teñan coñecemento; incluso conta cun botón de «saír rápido» que pecha automaticamente a xanela do navegador e non deixa pegada dixital.

    Esta ferramenta contén, ademais, unha compilación de lexislación e diversos materiais formativos e informativos que contribuirán a visibilizar máis eficazmente esta eiva.

    Tras Carolina Vidal interveu Mamen Sabio, secretaria de Muller, Igualdade e Políticas LGTBI. A sindicalista falou da campaña sobre o acoso sexual e por razón de sexo no traballo posta en marcha polo sindicato e puxo en valor o observatorio recentemente creado polo sindicato no ámbito estatal.

    A segunda parte da xornada fixo fincapé en casos reais e a súa abordaxe a partir dunha perspectiva legal do acoso. Incluíu a proxección dun vídeo do maxistrado José Fernando Lousada, relator nos anos noventa da primeira sentenza contra o acoso sexual en Galicia, así como outra peza audiovisual con testemuños de mulleres que padeceron esta forma de violencia machista.

    A clausura da xornada correspondeulle á secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, en cuxa intervención fixo unha síntese das principais conclusións deste encontro.