Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

Chega ás salas de cinema o documental ’10 de Marzo’, patrocinado polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

    23/11/2022.
    Cartel anunciador do documental '10 de Marzo'

    Cartel anunciador do documental '10 de Marzo'

    Este mes de novembro chega ás salas de cinema o documental 10 de Marzo, patrocinado polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e no que tamén colaboran a Federación de Pensionistas e a Fundación 10 de Marzo, canda outras entidades. Esta obra é froito de catro anos de traballo para levar á gran pantalla a narración duns feitos dos que as Comisións Obreiras foron protagonistas e que marcaron o comezo da fin da ditadura franquista.

    Primeiras proxeccións

    A veciñanza da comarca de Santiago pode gozar hoxe mesmo da proxección, que terá lugar na Casa da Cultura de Bertarmiráns (Ames), ás 20 horas. As entradas pódense adquirir de xeito anticipado na billeteira electrónica municipal.

    Xa o venres, día 25, chegará aos cinemas. Haberá proxeccións diarias a partir desa data no Dúplex Cinema (Ferrol), nos Cines Compostela (Santiago), en Códex Cinema (Lugo) ou en Multicines Norte (Vigo). En breve estará dispoñible en máis salas.

    Tráiler

    Na canle oficial do documental en Youtube é posible consultar o tráiler desta obra, que dá voz a protagonistas directos dos sucesos que sacudiron Galicia aquel 10 de marzo de 1972.

    Ferrol, 1972

    O 10 de marzo de 1972, a policía franquista dispara en Ferrol contra unha manifestación pacífica de traballadores, causando dúas mortes —Amador Rey e Daniel Niebla— e ducias de feridos de bala. Este acontecemento, a súa repercusión internacional e o posterior proceso xudicial no que as vítimas son xulgadas, establecerá un antes e un despois para a sociedade galega na loita contra a ditadura.

    O documental

    Dirixido por Roi Cagiao, coa produción executiva de Emilio J. Fernández e guión do propio Cagiao mais de Iñaki Varela, artéllase arredor de entrevistas a máis dunha ducia de protagonistas dos sucesos de Ferrol de 1972, entre os que se inclúen líderes sindicais da época no estaleiro Bazán (actual Navantia Ferrol), distintos dirixentes e activistas de CCOO e do PC, así como algúns dos denominados 'cregos roxos'.

    Ademais das entrevistas, o filme constrúe o seu discurso narrativo a través de imaxes de arquivo, algunhas delas practicamente inéditas, e tamén dramatizacións.

    «Un todo» con Vigo 1972

    Segundo o director, Roi Cagiao, 10 de Marzo non é unha secuela de Vigo 1972, tamén patrocinado por CCOO e estreado en 2017, senón que as dúas fitas forman «unha obra completa». Desta nova creación agarda que teña «o mesmo éxito» que a súa irmá viguesa.