Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Abril 2024.

CCOO propón crear un campus de FP en Santiago para converter a cidade nun referente da formación profesional

    Comisións Obreiras propón crear un campus de FP en Santiago de Compostela para converter a cidade nun referente da formación profesional igual que xa o é actualmente no ámbito universitario. Esta iniciativa forma parte das propostas de CCOO para a Axenda 2030 local, presentadas esta mañá en conferencia de prensa, coa particularidade de que é o único sindicato que realiza achegas para este importante proxecto.

    20/04/2022.
    De esq. a der., Adriana García, Joaquín García e Francisco Méndez

    De esq. a der., Adriana García, Joaquín García e Francisco Méndez

    Segundo Joaquín García, secretario xeral de CCOO de Santiago-Barbanza, a Axenda 2030 «cambia a maneira de facer política», xa que implica todo o tecido social no deseño das propostas de transformación para os próximos anos. De feito, a coordinación corre a cargo do Consello Económico e Social local, onde están representados todos os axentes sociais.

    As bases sentáronse en marzo do ano pasado, coa elaboración dun mapa de necesidades a cargo da universidade e coa creación de cinco grupos de traballo onde se implicarían os axentes sociais. Xa en marzo deste ano comezou a fase propositiva, onde CCOO é o único sindicato que presenta achegas.

    As propostas de CCOO, presentadas hoxe, están vinculadas aos ámbitos da mobilidade, a economía, a cohesión social, a educación, a sostibilidade e a transición verde.

    Segundo Adriana García, secretaria comarcal de CCOO-Ensino, o campus da FP «daría soporte, desde o ámbito educativo, a distintas medidas para estimular a economía e o emprego», xa que as propostas de CCOO están caracterizadas «pola transversalidade, o aproveitamento de sinerxías e a economía circular».

    Francisco Méndez, secretario nacional de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO, incidiu nesas tres características sinaladas pola responsable comarcal da Federación do Ensino. «Por exemplo, unha das nosas propostas, relacionada coa alimentación saudable, ten tamén implicacións noutra, vinculada aos produtos de proximidade, que á súa vez está relacionada coas comunidades enerxéticas» —que lles permitirían aos produtores reducir os gastos eléctricos necesarios para súa actividade.

    Empresa municipal de enerxía

    Outras propostas do sindicato apelan a aumentar o peso da industria na economía do concello de Santiago —rolda o 8 %, cando se recomenda un 20 %— e tamén para impulsar proxectos de transición verde.

    Neste sentido destacan, por exemplo, a proposta de creación dunha empresa municipal de enerxía que facilite o apoio á implantación e participación do Concello en iniciativas de comunidades enerxéticas mixtas coa cidadanía, empresas e asociacións do municipio. Isto permitiría «ter o máximo nivel de autoconsumo enerxético posible» e, polo tanto, reducir a dependencia respecto da conxuntura exterior, nomeadamente o conflito de Ucraína.