Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

CCOO denuncia na Inspección de Traballo e na Xunta a situación «insostible» da escola infantil Gregorio Sanz

    Comisións Obreiras (CCOO) acaba de denunciar na Inspección de Traballo e na Consellaría de Política Social da Xunta de Galicia a situación «insostible» da escola infantil Gregorio Sanz, en Lugo. O episodio máis recente ocorreu na mañá do martes, 22 de novembro, cando o centro tivo que ser desaloxado por un incendio na caldeira, producido por un curtocircuíto. Non obstante, os problemas «veñen de máis atrás», explica o secretario comarcal de CCOO en Lugo, Manuel Quiñoá.

    30/11/2022.
    Escola infantil Gregorio Sanz (Lugo)

    Escola infantil Gregorio Sanz (Lugo)

    Xa no verán, o sindicato denunciou as elevadas temperaturas no centro educativo, que entre os días 11 e 17 de xullo chegou a alcanzar os 31 ºC dentro das aulas, obrigando o persoal a facer «prevención de urxencia» para evitar problemas na saúde dos menores.

    Verificada a situación polo Concello, indicouse verbalmente que se pecharía o centro durante o mes de agosto para facer obras e instalar un equipo de climatización. O 27 de xullo, o sindicato rexistrou un escrito dirixido á Concellaría de Educación no que pedía información sobre as ditas obras, pero non tivo resposta, ademais de constatar que non se fixo reforma ningunha. «A realidade é que se pasou dun extremo ao outro, da calor abafante a ter que estar dentro das instalacións co abrigo posto», reprocha Quiñoá.

    CCOO tentou en varias ocasións poñerse en contacto co concelleiro de Educación para procurar unha solución, pero foi imposible. Isto, malia que os problemas de climatización do centro «veñen de vello». Xa en 2016 houbo que chamar os bombeiros para que refrixerasen a escola con mangueiras e, en 2017, o servizo de Inspección de Familia e Menores da Xunta de Galicia emitiu un requirimento en que se constata que as temperaturas non eran as axeitadas para a tipoloxía de centro e esixía adoptar medidas correctoras.

    Situación de abandono

    O incendio rexistrado o martes na caldeira é, polo tanto, un exemplo máis da «situación de abandono» que padece a escola infantil. «De feito, ademais dos bombeiros e dos electricistas, tamén houbo que chamar os fontaneiros municipais, porque había filtracións de auga nas aulas, nos corredores... e nas escaleiras que dan acceso ao soto, que é onde se atopan a cociña e o vestiario do persoal», explica Quiñoá.

    O secretario comarcal de CCOO de Lugo apunta que lle gustaría ver por parte da Concellaría de Educación «a mesma preocupación e dilixencia» que amosou o seu propio partido político, o BNG, levando ao Parlamento de Galicia unha inundación que padecera o Hospital Lucus Augusti.

    Ante o silencio das autoridades municipais, e debido ao «flagrante incumprimento da normativa básica de seguridade laboral e do risco para as persoas», Quiñoá agarda que sexan a Inspección de Traballo e a Xunta de Galicia as que «movan ficha» para que se solucionen «canto antes» as deficiencias na escola Gregorio Sanz.