Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO amosa a súa preocupación pola caída da contratación e a conxelación da afiliación á Seguridade Social

    02/12/2022.
    Datos do paro rexistrado

    Datos do paro rexistrado

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia amosa a súa «preocupación» pola caída da contratación e a conxelación da afiliación á Seguridade Social que amosan os datos do paro rexistrado, coñecidos hoxe, correspondentes ao mes de novembro. Malia que o funcionamento do mercado laboral é «mellor do habitual nos meses de novembro», os indicadores son peores en Galicia ca no conxunto do Estado, tanto en redución do desemprego como en evolución da afiliación.

    En Galicia había 142 758 persoas desempregadas ao remate do mes de novembro, un 6,54 % menos ca no mesmo mes do ano anterior. A porcentaxe é inferior á rexistrada no conxunto do Estado, onde o desemprego cae nun 9,47 % en termos anuais.

    O principal dato negativo é a caída da contratación, un 9,35 % inferior ao mes anterior, case tres puntos por riba da media estatal (6,55 %). Esta diminución afectou tanto á indefinida, que se reduciu un 16,73 %, como á temporal, que diminuíu un 5,33 %. En total, formalizáronse 63 418 contratos, dos cales 42 891 foron temporais e 20 527 indefinidos.

    Con todo, os datos poñen de manifesto que, en doce meses, a temporalidade caeu 19 puntos: pasou de representar o 87 % do total en novembro de 2021 ao 68 % este ano, como consecuencia da aplicación dunha reforma laboral que contou co apoio de CCOO.

    Actuar sobre os prezos, subir os salarios

    Nun contexto de elevada inflación, altos prezos da enerxía e incertezas no ámbito internacional, a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, considera que o Goberno central debe actuar sobre os prezos dos bens e os produtos e básicos. Así mesmo, «é o momento de subir os salarios», insiste a sindicalista, para garantir o poder adquisitivo dos fogares. Para iso cómpren «subas do smi, dos salarios negociados en convenio e das pensións», sinala.

    Canto ao Goberno galego, a secretaria de Emprego de CCOO coida que a Xunta de Galicia lles «dá as costas» aos galegos e as galegas cos orzamentos do 2023, «xa que non incorporan medidas para axudar ás persoas e os sectores produtivos máis afectados pola crise».

    Non se reduce a fenda de xénero

    Os datos coñecidos hoxe indican que, en novembro, o paro rexistrado reduciuse en Galicia en 962 persoas (0,67 %), mentres que no Estado fíxoo case o dobre (1,15 %). A afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra un crecemento de 885 afiliados e afiliadas; mais considerando os datos da afiliación media mensual, o desemprego baixa en 1093 persoas afiliadas respecto ao mesmo período do mes anterior.

    O desemprego ten unha evolución diferente segundo o xénero: diminúe entre as mulleres (906 desempregadas menos) e medra nos homes (307 desempregados máis). Con todo, a fenda de xénero non se mingua: seis de cada dez persoas paradas en Galicia seguen sendo mulleres. Por idades, o desemprego medra no colectivo de menores de 25 anos, con 159 mozos e mozas desempregadas máis, mentres que se reduce entre as persoas maiores desa idade (1121 menos).

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 59 459 homes (307 máis que en outubro) e 83 299 mulleres (906 menos que no mes anterior). Seis de cada dez persoas paradas son mulleres. Atendendo ás idades, hai 5963 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (159 máis que en outubro) e 136 795 menores desa idade (1121 menos).

    O paro ofrece cifras diferentes por sectores de actividade: no primario e na construción medra en 23 e 53 persoas, respectivamente; mentres que na industria e nos servizos redúcese en 227 e 865 persoas no último mes. No colectivo sen emprego anterior hai 54 persoas paradas máis.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación medra en 885 persoas, ata situarse en 1 043 860 afiliados e afiliadas, rexistrando un incremento do 0,1 % respecto do mes anterior; no Estado, a afiliación sobe un 0,5 %.

    A afiliación media mensual redúcese en 1093 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 047 608. Deste total, 820 764 corresponden ao réxime xeral, 206 503 ao de autónomos e 20 341 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia diminúe un 0,1 %, mentres que no Estado medra un 1 %.

    Prestacións por desemprego

    En outubro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 81 520 persoas. Deste total, 52 589 foron prestacións contributivas e 28 931 subsidios.

    Expedientes de regulación de emprego

    En relación aos ERTE do mes de novembro, cabe sinalar que este mecanismo daba cobertura a 2360 persoas a final do mes. Destas, 2226 estaban en ERTE ETOP (causas económicas, técnicas ou produtivas), 92 en ERTE de forza maior e 42 no mecanismo rede sectorial de axencias de viaxe. Por sexos, do total de persoas afectadas, 1805 son homes e 555 mulleres.