Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO-Sanidade afirma que persiste o «caos» no servizo de ORL e denuncia «represalias» contra profesionais que fixeron folga

    A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia afirma que persiste o «caos» no Servizo de Otorrinolaringoloxía (ORL) do Hospital Clínico de Santiago. Catro meses despois da folga, a xerencia da Área Sanitaria continua sen cubrir a xefatura do servizo; ademais, hai 4500 primeiras consultas de ORL sen cita e ao redor de 12 000 en total. O sindicato tamén denuncia que, amais destes problemas de xestión que prexudican a cidadanía, estanse a producir «represalias» contra profesionais que no seu momento secundaron a folga.

    19/12/2022.
    Fachada principal do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS)

    Fachada principal do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS)

    CCOO ten constancia de que a médicos que foron á folga se lles denegaron permisos que si se concederon a outros profesionais que non secundaron os paros. Ademais, «sen ningún pudor», estase a culpar «exclusivamente os folguistas» do incremento das listaxes de espera en Otorrinolaringoloxía.

    Chove sobre mollado na xestión da xerenta

    Para CCOO, «chove sobre mollado» na xestión de Eloína Núñez á fronte da Área Sanitaria Compostela-Barbanza, pois foi esta mesma xerenta a que estivo «case un ano sen mover un dedo mentres se enquistaba o conflito no servizo de ORL».

    O servizo está sen xefatura desde que o anterior responsable fora destituído o pasado 31 de agosto, posibilitando así rematar a folga. Porén, a demora en procurar solucións incrementou as listaxes de espera no servizo. No acordo de fin de folga había un compromiso da xerencia para proceder á remuda na xefatura «á maior brevidade posible». Porén, CCOO coida que case catro meses son «excesivos» para completar un «trámite burocrático».

    Eloína Núñez debe ser destituída

    A este conflito súmase a recente dimisión do xefe do Servizo de Xinecoloxía, malia o apoio dos seus compañeiros especialistas, e anteriormente tamén o de Medicina Interna. «En resumo, os problemas multiplícanse por todas as partes nesta Área Sanitaria desde que a dirixe Núñez».

    No sindicato pregúntanse se se trata dunha cuestión de incompetencia ou de desleixo o que provoca que se multipliquen e alonguen os conflitos na Área Sanitaria. Sexa cal for a resposta, CCOO considera que Eloína Núñez debe ser destituída nas súas funcións, «porque a situación non pode seguir así», menos aínda cando o Decreto 134/2019, de áreas sanitarias, a sitúa a ela como a única responsable.