Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

A Xunta certifica o abandono denunciado por CCOO na escola infantil Gregorio Sanz e require a súa emenda «en breve prazo»

    Comisións Obreiras (CCOO) informa da recepción dun escrito asinado polo Servizo de Inspección de Familia e Menores da Xunta de Galicia —xúntase a esta nota de prensa— que certifica as eivas denunciadas por este sindicato na escola infantil Gregorio Sanz, de Lugo. O documento informa dunha visita de inspección ao centro a comezos deste mes de decembro, «constatándose, efectivamente, as deficiencias», polo que se requiriu «a súa emenda en breve prazo».

    20/12/2022.
    Escola infantil Gregorio Sanz (Lugo)

    Escola infantil Gregorio Sanz (Lugo)

    Desde o sindicato consideran «inaudito» que a Xunta de Galicia, desde Santiago de Compostela, «actúe e se mova con maior celeridade que o mesmísimo Concello de Lugo». O secretario xeral comarcal de CCOO, Manuel Quiñoá, lamenta que, pasados varios meses, «o Goberno local nin sequera respondeu aos nosos escritos».

    Hai case un mes, CCOO denunciou tanto na Consellaría de Política Social da Xunta como na Inspección de Traballo a situación «insostible» desta escola infantil. O episodio máis recente produciuse na mañá do 22 de novembro, cando o centro tivo que ser desaloxado por un incendio na caldeira, producido por un curtocircuíto.

    Non obstante, os problemas «veñen de máis atrás», insiste Manuel Quiñoá. Xa no verán, o sindicato denunciou as elevadas temperaturas no centro educativo, que chegou a alcanzar os 31 ºC dentro das aulas. Uns anos antes, no 2016, incluso os bombeiros tiveran que acudir para refrixerar a escola con mangueiras ante o «insoportable» da situación.

    No ano 2017, o mesmo Servizo de Inspección de Familia e Menores da Xunta de Galicia emitía un requirimento en que se constataba que as temperaturas non eran as axeitadas para a tipoloxía de centro e esixía adoptar medidas correctoras.

    Á vista deste requirimento, CCOO agarda que «o Concello asuma dunha vez as súas responsabilidades, tanto cos menores que acoden ao centro como cos traballadores e as traballadoras».