Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Abril 2024.

O novo convenio de elaborados do mar, asinado por CCOO, permitirá subir un 17 % os salarios

    A partir de agora, as case dez mil persoas que traballan no sector de elaborados do mar en todo o Estado, a maioría mulleres, verán melloradas as súas condicións laborais ata finais do 2024. É grazas ao convenio asinado por CCOO, que permitirá incrementar o salario base un 17 % durante a vixencia do acordo. En caso de que a inflación supere esta porcentaxe, activarase unha cláusula de garantía salarial.

    22/12/2022.
    Comisión negociadora do convenio de elaborados do mar

    Comisión negociadora do convenio de elaborados do mar

    O incremento en 2022 será do 8 %, con efectos retroactivos a xaneiro, con pagamento de atrasos —que no nivel salarial máis baixo superarán os mil euros—. No 2023, o incremento pactado é dun 5 % e dun 4 % xa para o 2024.

    Ademais, as persoas que teñan asignadas as funcións de control de almacén e calidade, así como as de tratamento e xelificado (actualmente encadradas no grupo II), pasarán a percibir as retribucións previstas no grupo III, o que significará unha mellora salarial. As funcións do persoal de carretilla e o seu posible aumento de grupo analizaranse nunha comisión durante a vixencia do convenio.

    Canto aos complementos, o de serra pasa de 80 a 90 € ao mes para 2022; o resto de anos terá os incrementos previstos no convenio. Pola súa banda, o complemento de refrixerado aumenta a 168 € no 2022, 180 € no 2023 e 192 € no 2024.

    O acordo inclúe tamén melloras en conciliación, no prazo de tres meses incorporarase un protocolo fronte ao acoso e crearase unha comisión específica para analizar as posibles enfermidades profesionais e procurar solucións compartidas.

    Así mesmo, actualizáronse as modalidades de contratación conforme á reforma laboral, mellorando algunhas delas; en concreto, a retribución dos contratos formativos. O contrato de formación en alternancia incrementou a retribución dun 60 % a un 85 % o primeiro ano e un 90 % o segundo. Co contrato de obtención da práctica profesional cobrarase o mesmo ca o resto do persoal, malia estar en prácticas. Un avance claro que beneficia especialmente a mulleres e mocidade.

    A partir de agora, CCOO-Industria traballará para que se aplique integramente o acordo en todas as empresas e seguirá defendendo os intereses das persoas traballadoras no sector de elaborados do mar. Comisións lembra que se trata dun sector feminizado e precario que «emprendeu un camiño de dignificación das súas condicións laborais, organizándose a través do sindicato, como non podía ser doutro xeito».