Incidencia da subida por CCAA. Gab. econ. Confederación CCOO
O Gabinete Económico confederal de CCOO realizou unha análise sobre o impacto da subida do SMI a 1082 euros, concluíndo que beneficiará ao redor de 2,27 millóns de persoas asalariadas, sen efectos negativos sobre o emprego e contribuíndo a unha mellora da cohesión social.
A estimación feita polo Gabinete conclúe que esta subida do SMI beneficiará ao redor de 2.272.000 persoas asalariadas, da cales 1.926.000 traballan a tempo completo e 348.000 traballan a tempo parcial.
O aumento do SMI axudará a pechar a fenda salarial entre xéneros. Do total de persoas beneficiarias a tempo completo, o 57,5 % son mulleres e o 43,5 %, homes.
As persoas máis novas estarán entre as máis beneficiadas pola subida. O 31,7 % da poboación de 16 a 24 anos que traballa a xornada completa e o 19,2 % da poboación de 25 a 34 anos que traballa a xornada completa veranse beneficiadas pola subida.
O 46,9 % da poboación asalariada a xornada completa na agricultura verase beneficiada pola subida do SMI. No sector dos servizos, que concentra o groso da poboación beneficiada (77 %), o 14,5 % de persoas asalariadas a xornada completa mellorarán os seus ingresos.
O 21,6 % das persoas asalariadas con contrato temporal beneficiaranse da subida, fronte a un 11,5 % dos contratos indefinidos. Así pois, o perfil da principal beneficiaria da subida do SMI será unha muller entre 16 e 34 anos cun contrato temporal, que traballa na agricultura ou o sector dos servizos e que vive en Andalucía.
CCOO lembra que, como recolle o segundo informe da Comisión Asesora para a Análise do SMI, o impacto das subidas do SMI sobre o emprego no contexto internacional e nacional permite concluír que «as subidas tiveron un impacto marxinal sobre o crecemento do emprego, minorando, no peor dos casos, de forma moi pouco intensa o seu aumento, á vez que contribuíron a reducir a pobreza e a desigualdade».
Así mesmo, o Gabinete Económico de CCOO sinala que o salario mínimo español, a pesar dos seus recentes aumentos, segue estando na parte baixa da clasificación de países da OCDE.