Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

A Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra mostra o recoñecemento aos bombeiros que interviñeron no accidente dun autobús en Pedre

    Nos próximos días, a Xunta de Persoal aprobará unha proposta para que esta actuación sexa recoñecida como corresponda, ante a pasividade e desconexión do Nadal do Goberno local do Concello de Pontevedra.

    29/12/2022.
    Momento do rescate do autobús accidentado

    Momento do rescate do autobús accidentado

    A REPRESENTACIÓN LEGAL DO PERSOAL DO CONCELLO DE PONTEVEDRA QUERE MANIFESTAR PUBLICAMENTE O TRABALLO DO OPERATIVO DE RESCATE ESTABLECIDO CON OCASIÓN DO ACCIDENTE DUN AUTOBÚS NO MUNICIPIO DE CERDEDO-COTOBADE.

    Os delegados e delegadas das organizacións AFUMPO, CCOO, CIG, CSIF, SPPME e UXT queremos mostrar o noso recoñecemento e felicitación ao persoal que interveu no accidente dun autobús en Pedre; en especial queremos destacar o labor dos compañeiros do Parque de Bombeiros do Concello de Pontevedra. 

    Na noite do día de Nadal, no concello veciño de Cerdedo-Cotobade, lugar de Pedre, un autobús con nove ocupantes precipitouse ao río desde unha altura de 35 m. (+/-). Os compañeiros do Parque de Bombeiros de Pontevedra montaron os medios para o rescate de dúas persoas con vida e dúas falecidas, para o que tiveron que descender con cordas e subilas unha a unha salvando unha gran altura e condicións extremadamente adversas. Introducirse no autobús asolagado, coas fortes correntes do río e co perigo de ser arrastrados, indica o nivel de profesionalidade e humanidade destes funcionarios públicos que non repararon no perigo para as súas propias vidas, todo isto de noite, con escasa visibilidade, vento e choiva incesante que fixeron máis penosas e arriscadas as manobras de rescate. 

    A propia Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) informou de que o tráxico accidente requiriu «un complexísimo rescate, como xa foi durante as primeiras horas do sinistro: unha liña de vida (un dispositivo empregado polos bombeiros, que permite a suxeición en lugares elevados) logrou sacar o condutor do autobús e un pasaxeiro. Convén indicar que o vehículo se saíu da vía e caeu pola ponte a uns 35 metros de profundidade. Isto engadido a unhas condicións climáticas adversas e o caudal do río nos seus máximos, complicaba cada vez máis as tarefas dos equipos de emerxencias». 

    Nos próximos días, a Xunta de Persoal aprobará unha proposta para que esta actuación sexa recoñecida como corresponda pola Xunta de Galicia, administración con competencia en emerxencias e quen coordinou o dispositivo, ante a pasividade e desconexión do Nadal do Goberno local do concello de Pontevedra.

    Resalta que o dito labor realizouse, unha vez máis, con escaso persoal, sen equipo SOS e deixando a cidade sen retén de servizo durante sete horas porque a dotación habitual é de mínimos ou por baixo destes. A dotación dese día só permitiu que quedara no parque un funcionario.

    Lamentamos que o señor Lores, a concelleira ou o director xeral de Protección Cidadá non se interesaran pola participación dos funcionarios de bombeiros neste accidente, polo seu estado nin lles transmitisen as felicitacións e o recoñecemento polo traballo realizado, o que si fixeron outras administracións, organismos e entidades publicas e privadas. A existencia dun conflito laboral non pode ser escusa para non cumprir as responsabilidades públicas dun posto retribuído.