Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

As eivas da estrutura produtiva condicionan un mercado laboral galego con peor evolución do emprego ca no Estado

    Os datos do paro rexistrado do mes de decembro, coñecidos hoxe, evidencian unha boa evolución do emprego no ano 2022. Porén, como adoita ser habitual nos últimos meses, as cifras son peores en Galicia ca no conxunto do Estado. O desemprego redúcese menos que no Estado e a afiliación medra menos debido, en parte, a un peor funcionamento do mercado laboral no mes de decembro. Se unha mesma lexislación pon de manifesto unha evolución tan diferente dos indicadores laborais, «a explicación haberá que buscala nas eivas da nosa estrutura produtiva e nas políticas, ou na ausencia destas, aplicadas no ámbito autonómico», sinala Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO.

    03/01/2023.
    Datos do paro rexistrado

    Datos do paro rexistrado

    No último ano, o desemprego diminuíu en Galicia en 10 362 persoas, ou sexa, unha redución do 6,79 %. Con todo, este descenso é inferior ao do Estado, onde a caída é do 8,64 %. Por outra banda, a afiliación á Seguridade Social no último día de decembro increméntase en 10 717 persoas (1 %) respecto ao mesmo período do ano anterior (2,3 % en España); pero atendendo á variación da media mensual, o aumento sería de 9479 persoas en Galicia, un 0,92 % fronte ao 2,38 % estatal. 

    Impacto positivo da reforma laboral

    Outro dato positivo é que, «grazas á reforma laboral» —puntualiza Bouza—, os contratos indefinidos triplicáronse, ao tempo que a precariedade se reduciu «de maneira notable». «Isto ten como consecuencia a mellora das condicións de vida da cidadanía galega», destaca a secretaria de Emprego de CCOO.

    No lado contrario, a sindicalista denuncia a fenda de xénero que sofren as traballadoras galegas. «Está moi relacionada coas actividades e condicións en que desenvolven maioritariamente o seu traballo», apunta Bouza. Por esta razón, CCOO esixe un «maior compromiso tanto das empresas como da Administración autonómica» para mudar neste novo ano a situación laboral das mulleres galegas.

    As mulleres concentran o groso do desemprego

    En Galicia hai 59 848 homes e 82 374 mulleres en desemprego ao remate do mes de decembro de 2022. No último ano, o paro diminuíu tanto entre os homes (4895 desempregados menos) como entre as mulleres (5467 menos). A maior redución do desemprego feminino non impide, con todo, que as mulleres teñan un peso cada vez maior no paro: 52 % en 2021 por 58 % en 2022.

    Por idades, o desemprego baixa entre a xente máis nova en 743 persoas; entre as de máis idade, en 11 826. Por sectores, redúcese en todos, pero especialmente nos servizos, con 6208 persoas desempregadas menos. A continuación están a industria (1967 menos), a construción (1133), o primario (917) e o colectivo sen emprego anterior (136). 

    Análise da contratación

    En 2022 rexistráronse en Galicia 845 243 contratos, dos cales 574 723 foron temporais e 270 520 indefinidos. Os contratos indefinidos, que en 2021 representaban o 10 % do total da contratación, en 2022 son xa o triplo, o 32 %. Pola contra, os contratos temporais pasaron de supoñer o 90 % ao 68 % no último ano. É dicir, o «impacto positivo da reforma laboral triplicou o número de contratos indefinidos e reduciu nun terzo os temporais», salienta Maica Bouza.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, a afiliación media mensual medra en 9479 persoas en 2022, situando o número de persoas traballadoras afiliadas por riba do millón (1 042 263). Deste total, 811 611 corresponden ao réxime xeral, 206 225 ao de autónomos e 19 925 ao réxime especial do mar. Como xa se indicou, a afiliación media en Galicia medra un 0,92 % mentres que en España medra un 2,38 %. Se facemos a comparativa cos datos do último día de mes, a afiliación increméntase en 10 717 persoas en 2022, ata situarse en 1 032 624 afiliados e afiliadas, rexistrando un incremento anual do 1 % cando no Estado é do 2,3 %.