Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Non é certo que exista un «descontento colectivo» na xestión do GES de Padrón

    A FSC-CCOO, organización sindical maioritaria entre o persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) do Concello de Padrón, despois de coñecer a opinión da maioría dos traballadores, considera que o denunciado pola organización sindical USO non se xusta á realidade.

    02/02/2023.
    GES Padrón

    GES Padrón

    Non é certo que exista un «descontento colectivo» co labor realizado polo coordinador do GES; en todo caso, tratarase do descontento dalgún traballador a título individual. A organización sindical que fai as acusacións (USO) en ningún momento se puxo en contacto coa maioría dos traballadores integrantes do GES do Concello de Padrón para comprobar a veracidade dos feitos relatados nas acusacións contra o coordinador do GES. Esta actuación denota unha falta de profesionalidade por parte de USO por non recoller a opinión que teñen os traballadores sobre as acusacións vertidas.

    Desde que o actual coordinador vén desempeñando o seu posto, as condicións laborais melloraron no que respecta á organización do traballo (cuadrantes, libranzas, vacacións, días de asuntos propios, etc.) fronte á realidade anterior.

    Tampouco é certo que actualmente non se estean cubrindo todos os reforzos (cando estes son necesarios), pois a mellora da organización do traballo, anteriormente indicada, permite que se cubran sen problema e sempre de xeito voluntario, cando antes estes reforzos eran obrigatorios para os traballadores.

    Canto ao impagamento de certos complementos salariais apuntados polo sindicato USO (falta de aboamento de trienios, falta de aboamento de nocturnidade, falta de aboamento de perigosidade, etc.), en ningún caso se poden atribuír ao coordinador dos GES, xa que estas cuestións salariais non se encontran entre as súas competencias. Sobre estas incidencias, que a maioría dos traballadores do GES teñen reclamadas pola vía xudicial, a FSC-CCOO acusa o propio Concello de Padrón pola súa negativa a elaborar unha RPT que avalíe os postos de traballo dos membros do GES dun xeito xusto, non discriminatorio e acorde ás condicións laborais do traballo desempeñado.