Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

Acordo histórico en Inditex: a igual traballo, igual salario

    Homologa salariamente todas as marcas e territorios, en retribucións fixas e variables, concretando salarios fixos garantidos de entre 18 000 e 24 500 euros.

    10/02/2023.
    Sede Inditex en Arteixo- A Coruña

    Sede Inditex en Arteixo- A Coruña

    CCOO, como sindicato maioritario no Grupo Inditex, alcanzou un acordo histórico que homologa salariamente todas as marcas e territorios, en retribucións fixas e variables, concretando salarios fixos garantidos de entre 18 000 e 24 500 euros, a través dun complemento que se revalorizará no futuro baseándose no IPC. Ademais, conseguíronse avances de moito calado en condicións sociais e o compromiso de negociar medidas sobre parcialidade e tempos de descanso no marco da negociación do plan de igualdade de grupo.

    Desde o noso 53 % de representación global en Inditex, vimos reivindicando desde hai anos a equiparación de condicións laborais no grupo. Con 50 convenios provinciais e sete marcas distintas, a situación ata o de agora era que persoas que facían o mesmo traballo na mesma empresa tiñan condicións laborais distintas. Esta situación de desequilibrio corrixiuse por fin, despois de anos de traballo sindical.

    A finais de 2019, CCOO solicitou a Inditex reunións de ámbito estatal, dada a importancia de iniciar conversas sobre materias comúns a todas as cadeas e territorios, como eran a dixitalización, temporalidade, parcialidade ou a necesidade de abordar a negociación do Plan de Igualdade do Grupo Inditex.

    Esta reivindicación de negociar no ámbito estatal, impulsada por CCOO e da que fixemos bandeira, levou aos acordos para o desconfinamento tras o estado de alarma e, posteriormente, ao acordo marco estatal do proceso de transformación dixital, asinado o 26 de outubro de 2020, no que se regulan as condicións ante o proceso de peche de tendas. Un acordo que priorizaba o mantemento do emprego durante a transformación dixital da empresa. 

    Esta negociación inicia un camiño cara á negociación de alcance estatal, que foi aínda máis aló co arranque da negociación do I Plan de Igualdade do Grupo desde o 21/6/2022, con nove representantes de CCOO dun total de trece, e co acordo do 18/11/2022 no que se recuperaba o incentivo de dependentas/es, incrementando a súa contía a 1000 euros, amais de comprometer a negociación sobre retribucións que culminou co acordo de onte e aumentar a contía do complemento sede da Coruña.

    Grazas a este percorrido, asinouse un acordo histórico, unha aposta pola homologación salarial fixa e variable en todas as marcas da cadea e en toda España.

    O salario fixo de entrada, a tempo completo, sitúase na emblemática cifra de 18 000 € (un 19 % por encima do SMI), que está a reivindicar CCOO como salario mínimo en todos os subsectores de comercio, ao que se lle suma o incentivo de 1000 € e unha pinza estimada de cobramento de comisións, ata totalizar entre 21 500 e 22 500 euros anuais. No caso de dependentas/es con catro ou máis anos de servizo, o salario fixo sitúase en 22 000 € que, sumando os variables, alcanzarían o salario medio do conxunto da economía española (ao redor de 26 000 €).

    Estes salarios fixos garánteos Inditex a través dun complemento que se actualizará en 2024 e 2025 en función do IPC.

    Desde CCOO conseguimos, ademais, un avance substancial en melloras sociais, que xa existían na parte de produción e loxística, equiparando na súa aplicación a todo o persoal de comercio; isto supón acabar cunha diferenza de condicións histórica.

    Inditex comprometeuse tamén a acometer na negociación do plan de igualdade dúas cuestións claves para un persoal moi feminizado: avanzar na erradicación do traballo a tempo parcial non voluntario e garantir descansos semanais de calidade.

    CCOO considera que este acordo, histórico e de referencia, mellora claramente as condicións laborais das preto de 30 000 persoas en persoal do Grupo Inditex, sobre a base da aposta pola equidade retributiva («igual traballo, igual salario»), a eliminación de fendas salariais e avances globais que terán unha segunda parte cos acordos que se alcancen na negociación do plan de igualdade.