Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO lamenta o falecemento de Rafael Pillado, referencia da loita obreira e antifranquista en Ferrol

    O Sindicato Nacional de CCOO Galicia e a Unión Comarcal de Ferrol de CCOO lamentan o falecemento de Rafael Pillado (1942-2023), activo militante das Comisións Obreiras e destacado dirixente do Partido Comunista.

    20/02/2023.
    Rafael Pillado

    Rafael Pillado

    Rafael Pillado Lista naceu en San Cibrao (Cervo) o 12 de xuño de 1942. Cando tiña tres anos, o seu pai, militante comunista, foi detido e levado para a cadea en Ferrol. Rafael estableceuse coa nai en Ferrol para estar preto do pai. Aos 15 anos comezou a traballar en Bazán, o estaleiro ferrolán. En 1960, con 18 anos, ingresou no Partido Comunista de España e nas Xuventudes Comunistas. En 1966 participou nas primeiras formacións sindicais non oficiais da ditadura, coa creación das Comisións Obreiras de Bazán, de onde xorde a formación das Comisións Obreiras de Galicia.

    A situación de Ferrol naquela época non era doada, xa que os dirixentes obreiros que encabezaban as loitas, Rafael Pillado, Julio Aneiros e Francisco Fernández Filgueiras, foron perseguidos, detidos e procesados. Rafael Pillado foi un referente para o movemento obreiro galego e uns dous fundadores das CCOO de Galicia. «Rafael Pillado é un loitador incansable, que fai honra á súa historia comunista, do que teño o honor de ser amigo», dixo Santiago Carrillo.

    Naqueles anos compartiu protagonismo na loita obreira cos líderes sindicais da época nos estaleiros Bazán (Ángel Porto e Ramiro Romero) e Astano (Suso Díaz e Xan Carballal), así como con distintos dirixentes e activistas do Partido Comunista (Fernando Miramontes, Sari Alabau, Fina Varela, Encarna Puentes e Ánxela Loureiro) ou algún dos denominados cregos 'roxos' (Anxo Currás e Vicente Couce).

    Colaborou activamente no filme 10 de marzo, estreado a finais de 2022, patrocinado polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e dirixido por Roi Cagiao, coa produción executiva de Emilio J. Fernández. O documental vén a completar a idea orixinal de abordar o significado que o ano 1972 tivo para Galicia, ao se situar na vangarda da reivindicación social.

    Amianto

    Rafael Pillado sempre denunciou que Bazán os expuxera ao amianto sabendo que era perigoso, pois na mesma época a asbestose xa era un escándalo público. Foron moitos os compañeiros do estaleiro ferrolán falecidos como consecuencia da contaminación. Compañeiros que traballaron desde os 14 anos morreron pola neglixencia da empresa e das autoridades laborais e sanitarias.

    «O latexo da vida e da conciencia»

    O libro O latexo da vida e da conciencia, editado pola Asociación Cultural Fuco Buxán, son as "memorias colectivas de Rafael Pillado", do que é autor o propio Pillado. Presentouse en Ferrol o 9 de marzo de 2012 na conmemoración do corenta aniversario dos sucesos do 10 de Marzo de 1972, e foi acompañado dunha exposición fotográfica e documental.

    O 4 de xullo de 2012, no marco do Galeuscat Sindical de CCOO, o Centro Galego de Barcelona acolleu a presentación do libro, coa intervención do secretario xeral de CCOO de Cataluña así como o propio Rafael Pillado.