Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

22 de febreiro de 2023, Día Internacional contra a Fenda Salarial de Xénero

    Cada 22 de febreiro conmemórase o Día Europeo e Galego pola Igualdade Salarial de Mulleres e Homes e o Día Internacional contra a Fenda Salarial de Xénero.

    22/02/2023.
    Cadernos do Sindicato Nacional de CC OO de Galicia

    Cadernos do Sindicato Nacional de CC OO de Galicia

    Un ano máis, a Secretaría de Mulleres e Políticas de Igualdade e LGTBI+ de CCOO de Galicia, en colaboración co Gabinete de Igualdade, ante a situación actual da fenda salarial en Galicia, denuncia e reivindica os dereitos económicos e laborais das mulleres desde a posición de loita feminista das CCOO na erradicación das desigualdades entre traballadores e traballadoras no mundo laboral e na sociedade en xeral. 

    As CCOO entendemos que se trata dunha inxustiza social estrutural e consolidada nunha sociedade construída sobre a división sexual do traballo, que fai recaer nas mulleres toda a responsabilidade dos coidados, discriminándoas tanto no acceso ao traballo como na permanencia nel. Historicamente, este sindicato é estandarte na loita contra as desigualdades entre mulleres e homes, dado que tras a fenda, especialmente a salarial, está o conflito capital/traballo. Así, a reforma laboral promoveu que en España avance esa redución, aínda que mínima, da fenda salarial entre mulleres e homes que, con algo menos de intensidade, tamén se aprecia no mercado laboral galego.

    Esa fenda tradúcese en sectores e ocupacións segregados (feminizados e masculinizados), peores condicións de traballo, elevada temporalidade, maior parcialidade e peores salarios. As consecuencias de todo isto son a discriminación salarial directa e indirecta, o teito de cristal, a fraude laboral (os sectores máis feminizados son os que rexistran maior porcentaxe de traballo somerxido) ou a falta de corresponsabilidade nos coidados.

    Fendas de xénero no mercado laboral galego

    Desemprego

    2%

    Actividade

    8%

    Parcialidade

    16%

    Salario

    22%

    Pensións

    35%

    Coidados

    88%

    As cifras actuais amosan unha realidade ben oposta á que recolle a normativa actual: fronte a unha igualdade formal e legal, atopámonos con que, debido á persistencia da división sexual do traballo na sociedade, o mercado laboral vese afectado por unha participación limitada das mulleres, que aínda non poden acceder en igualdade efectiva a todas as esferas da vida social, moito menos da económica. Así, estas desigualdades estruturais entre mulleres e homes contribúen a perpetuar unha posición de subordinación social das mulleres e isto, pola súa banda, provoca a retroalimentación necesaria para que a desigualdade se achegue a extremos tan indesexables para as mulleres como a precariedade laboral, pobreza ou, peor aínda, a violencia.

    Isto ocorre transcorridos máis de quince anos desde a publicación en España da LOIEMH: aínda despois de tanto tempo, segue sendo insuficiente a aposta por infraestruturas e servizos de coidados, profesionalizados e ben remunerados. Porén, as barreiras estruturais mantéñense tan fortes que seguen a determinar os desequilibrios tanto na participación equitativa e en igualdade de condicións de mulleres e homes no mercado laboral, como na dedicación ao traballo doméstico, de coidados e de atención ás persoas. 

    Por iso hai que poñer en valor os coidados como centro neurálxico para o sostemento da vida e combater a fenda nos coidados producida pola infravaloración dos sectores que tratan de profesionalizar eses coidados. Cómpre dar pulo á corresponsabilidade dentro dos fogares, pero tamén desde as Administracións públicas e no seo das empresas. A finalidade é a distribución máis equitativa no mercado laboral e nas tarefas de coidados.

    Trátase, por tanto, de camiñar cara a un modelo baseado na sustentabilidade da vida, a través do recoñecemento dos coidados e a corresponsabilidade como elementos claves na eliminación da fenda salarial de xénero.

    #Combater a discriminación salarial

    #Coidados sen fenda!! 

    #Por facer máis gañamos menos!!

    Documentación asociada
    Documentación asociada