Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO ante o 8 de Marzo de 2023: A igualdade é un plan que funciona

    CCOO chama a cidadanía a participar nos actos e manifestacións que se convoquen en todo o país, e a tomar as rúas para reivindicar a igualdade entre mulleres e homes e a fin das discriminacións e as violencias.

    07/03/2023.

    URL | Código para insertar

    A primeira conmemoración do día das mulleres tivo lugar o 19 de marzo de 1911; concentrou en Alemaña, Austria, Dinamarca e Suíza a miles de mulleres e estendeuse despois a outros moitos países. En 1977, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas invitou os Estados a declarar un Día Internacional polos Dereitos da Muller e a Paz Internacional. Desde entón, fixouse unha data simbólica para mostrar, por un lado, a persistencia das múltiplas discriminacións que as mulleres padecemos nun sistema de dominación masculina e, por outro, a capacidade de nos xuntar para transformarmos unha histórica, universal e inxusta realidade.

    Este 8 DE MARZO de 2023, os feminismos volverán tomar as rúas para reivindicar a igualdade entre mulleres e homes e a fin das discriminacións e as violencias. As delegadas e delegados de CCOO son un freo á discriminación e á violencia. Ademais, loitan pola equidade cunha negociación colectiva atravesada pola perspectiva de xénero e, moi especialmente, mediante os plans de igualdade. 

    En CCOO INSISTIMOS:

    • A igualdade é un plan que funciona. O traballo é o único que pode garantir unha liberdade completa.
    • Porén, é vital acabar coa discriminación laboral e con todas as súas fendas, convertendo ademais os centros de traballo en espazos seguros e con garantías para todas as persoas e, en especial, para as mulleres.
    • Propoñemos á representación legal das persoas traballadoras despregar a acción feminista en todos os seus centros de traballo, mediante as fórmulas que consideren idóneas, o 8M pola mañá, e a todas as traballadoras e traballadores a asistir ás convocatorias das manifestacións que se realicen nas súas respectivas cidades.