Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

Imaxes das mobilizacións do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, en defensa do emprego e o fortalecemento do benestar

    12/03/2023.

    URL | Código para insertar

    CCOO manifestouse o pasado venres en Ferrol (acto central) e en Vigo, no Día da Clase Obreira Galega, en defensa do emprego, do fortalecemento do benestar social e en lembranza dos sucesos do ano 1972.

    O impacto dos feitos do ano 1972 está incrustado no ADN das Comisións Obreiras e confórmanos como sindicato reivindicativo e de clase, algo especialmente necesario nestes tempos e que nos fai diferentes doutras organizacións. En marzo de 1972 saímos ás rúas para reivindicar o que se nos negaba, acudimos á folga e á manifestación porque «un sistema» lles negaba aos traballadores e traballadoras unha serie de dereitos.

    Cincuenta e un anos despois temos democracia, dereito a manifestarnos, a expresarnos, á negociación colectiva; pero hai problemas moi importantes que afrontar e demandamos solucións para eles. A presión e a mobilización deben ser instrumentos para impedir que a crise económica golpee en exclusiva a clase traballadora, en especial aqueles colectivos máis vulnerables. A mobilización non desbota a necesidade de negociación e de diálogo social; pola contra, debe facilitar que as nosas demandas se abran paso para amortecer os efectos das crises.

    Ferrol

    A manifestación foi o acto central; saíu ás 11 horas desde a rúa Taxonera (entrada Navantia) ata o monumento ao Dez do Marzal, que homenaxea os sindicalistas Amador Rey e Daniel Niebla, asasinados pola policía franquista o 10 de marzo de 1972 durante unha manifestación da clase traballadora ferrolá, e pola defensa das liberdades e en demanda de melloras laborais e sociais.

    Ao remate da mobilización celebrouse a tradicional ofrenda floral perante o monumento. A secretaria xeral, Amelia Pérez, salientou que hoxe é «un día especial para a militancia de CCOO», pero sinalou tamén que «os dereitos conquistados a base da loita obreira é preciso gañalos cada día, porque non se logran dunha vez para sempre».

    Vigo

    Nun breve e emotivo acto, a Unión Comarcal de Vigo das Comisións Obreiras celebrou na rúa 10 de marzo da cidade de Vigo o Día da Clase Obreira Galega en recordo dos compañeiros e Daniel e Amador. Os feitos de Ferrol tiveron a súa replica nas posteriores mobilizacións e folga na comarca de Vigo naquel recordado mes de setembro do 1972.

    VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!

    VIVA O DEZ DE MARZO!!

    VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!

    DANIEL E AMADOR, SEMPRE NA MEMORIA!!