Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

A Audiencia Nacional anula a sanción imposta a CCOO pola CNMC polos acordos laborais na estiba do Porto de Vigo

    Demóstrase que non se vulnerou a libre competencia e anúlase a resolución deste organismo, que supuxo unha intromisión no exercicio da negociación colectiva e a liberdade sindical.

    16/03/2023.
    Puerto de Vigo. Foto de pixabay.com

    Puerto de Vigo. Foto de pixabay.com

    A Audiencia Nacional estimou integramente o recurso de CCOO contra a sanción que impuxo a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) no ano 2018, por importe de 170.000 euros, con motivo do acordo do comité de empresa e as empresas estibadoras que participaban no capital social da Sociedade de Estiba e Desestiba do Porto de Vigo.

    A sentenza é clara, reafírmase no informe da propia Dirección de Competencia, que foi elevado ao Consello da CNMC e ratifica «a inexistencia de prácticas prohibidas ao non entrar as condutas descritas no ámbito de aplicación dos artigos 1 da Lei de defensa da competencia (LDC) e 101 do Tratado de Funcionamento da UE (TFUE)».

    No sentenza da Audiencia Nacional procédese a «anular a referida resolución canto á declaración de responsabilidade e a sanción imposta á entidade actor por non ser, nestes pronunciamentos, axustada a Dereito» e acórdase «impoñer as custas á Administración demandada».

    Desde CCOO, na súa defensa lexítima dos dereitos do conxunto de traballadores e traballadoras, neste caso dos estibadores e estibadoras do noso país, sempre mantivemos que os acordos co comité de empresa de estiba no Porto de Vigo non vulneraban a libre competencia, e que, ademais, se sancionaba o sindicato —cando como tal non fora partícipe de ningún deles—, feito que agora recoñece a sentenza e polo que anula a sanción. Esta sanción supuxo unha intromisión e un acto intimidatorio grave ao libre exercicio da negociación colectiva e a liberdade sindical. Queremos subliñar que a Sala do Consello da CNMC impuxo unha sanción por falta moi grave de 170.000 euros en contra do ditame da propia Dirección de Competencia da CNMC.

    CCOO sempre tomamos postura na loita polos dereitos e a mellora das condicións laborais dos estibadores e estibadoras dos nosos portos, e contra terceiros, como a CNMC, que interviñeron na negociación colectiva desalentando e amedrentando con sancións cuantiosas, como a agora anulada pola Audiencia Nacional por non ser axustada a Dereito.