Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

O Concello de Pontevedra volve incumprir resolucións xudiciais e prexudica as retribucións do persoal

    En denuncias da afiliación de CCOO que se viron nos tres xulgados do contencioso de Pontevedra, condénase o Goberno local a lles aboar aos recorrentes os complementos de nocturnidade e festividade en todas as situacións de ausencias retribuídas.

    16/03/2023.
    Concentración Concello de Pontevedra

    Concentración Concello de Pontevedra

    O artigo 41 do III Acordo regulador para persoal funcionario do Concello de Pontevedra, asinado sendo alcalde Fernández Lores, regula o pagamento dun complemento por traballar en días festivos, domingos ou noites. Estes complementos perdíaos o persoal nas ausencias retribuídas (permisos, licenzas por conciliación, baixas, vacacións, etc).

    Tras o pronunciamento de xulgados de Ourense e o TSXG recoñecendo este dereito do recorrente, no ano 2018, CCOO e outros sindicatos solicitaron estender a dita doutrina ao Corpo de Bombeiros de Pontevedra, dado o importante número de xornadas que se fan en noite e festivo.

    Primeiras reclamacións

    As primeiras reclamacións de CCOO sobre este asunto foron desestimadas por vía administrativa, a pesar das sentenzas existentes. En novembro do 2018, un xulgado de Pontevedra recoñeceu a un bombeiro ese dereito. O Concello de Pontevedra non recorreu.

    Malia as demandas e presións dos sindicatos para que esta sentenza firme se estenda ao resto de persoal de bombeiros, o Goberno local non o fai e obriga os bombeiros a iniciar novos procesos ou continuar os xa emprendidos. Esta manifesta e continua mala fe e desprezo polas sentenzas xudiciais privou os traballadores da cobranza de todas as súas retribucións e provocou un gasto engadido de asistencia para demandar no xulgado. Por outra banda, esta decisión de non estender a sentenza suponlle ao propio Concello abrir novos procedementos con máis carga de traballo para o persoal, pagamento de xuros e ocupación dos servizos xurídicos e técnicos municipais.

    Ao cabo, tras reiteradas sentenzas e recursos, aplícase a todo o persoal de bombeiros.

    Extensión á Policía local

    Dende CCOO entendíase que esta nova forma de retribuír os festivos e noites debía aplicarse a Policías Locais e outros colectivos como a festividade de cemiterios e deportes. Esta demanda, no ano 2019, volve reiterarse á nova concelleira de persoal, a señora Fouces, e a súa resposta é a de cabeceira: «non, e se quere... vaia ao xulgado».

    No 2020, o Tribunal Supremo establece xurisprudencia por un asunto similar e CCOO inicia as reclamacións de policías. A concelleira de persoal do BNG repete o modus operandi, a pesar do sentido das sentenzas xudiciais. Segue obrigando a funcionarios/as de Policía a iniciar o procedemento de reclamación, primeiro por vía administrativa e, ante a desestimación desta, por vía xudicial.

    As denuncias de policías víronse nos tres xulgados do Contencioso de Pontevedra, e todos condenan o Goberno local a lles aboar aos recorrentes os complementos de nocturnidade e festividade en todas as situacións de ausencias retribuídas e xustificadas nos catro anos anteriores á presentación da reclamación, máis os xuros legais.

    Situación actual

    A situación actual non variou. O Goberno volve actuar con total desconsideración ás resolucións xudiciais, aos traballadores e traballadoras afectados con perda de retribucións e á cidadanía á que se lle carga un sobrecusto innecesario, tanto de pagamento de xuros de mora como de horas de traballo de funcionarios públicos para xestionar os procedementos:

    • As sentenzas firmes notificadas no 2022, que non foron recorridas, están sen executar a pesar de que pasaron tres meses e, por tanto, os traballadores e traballadoras seguen sen cobrar.
    • Os policías que non reclamaran e o fixeron ao coñecer a sentenza, non teñen respostas aos seus escritos,

    Estes custos a maiores para o persoal no procedemento de reclamación e a privación das súas retribucións, nalgúns casos durante máis de cinco anos ata a resolución por sentenza xudicial, sumado ao gasto que supón para a Administración o procedemento en horas de tramitación, asesoría, xuros e a propia vulneración de dereitos laborais que estiman as sentenzas, debería levar consigo, nunha Administración pública responsable, a dimisión ou cesamento dos responsables destes feitos.

    O GOBERNO LOCAL DO CONCELLO DE PONTEVEDRA, AO NON ATENDER AS NOVAS RECLAMACIÓNS POR ASUNTOS XA XULGADOS, CARGARÁ DE TRABALLO OS SERVIZOS MUNICIPAIS IMPLICADOS, QUE TERÁN QUE DEIXAR OUTRAS TAREFAS DE ATENCIÓN Á CIDADANÍA E PAGAR NOVOS XUROS E, SE FOR O CASO, CUSTAS XUDICIAIS.