Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

CCOO participa no 16.º Salón da Prevención e Saúde Laboral (Previsel)

    Celébrase en Expourense os días 22 e 23. A Unión Intercomarcal de CCOO de Ourense estivo presente no expositor e na organización da conferencia «A saúde, piar fundamental nos dereitos laborais».

    22/03/2023.
    Stand de CCOO en Previsel-Ourense

    Stand de CCOO en Previsel-Ourense

    A 16.º edición do Salón da Prevención e Seguridade Laboral conta coa participación da Administración, a patronal, os sindicatos e servizos de emerxencia, que apostaron nesta cita por un completo programa de xornadas técnicas e obradoiros que se imparten en Expourense os días 22 e 23 de marzo. 

    Entidades como o ISSGA, a Fundación Laboral da Construción ou empresas especializadas organizan actividades vencelladas coa seguridade nos traballos en altura. A formación complétase cunha área expositiva que presenta produtos e servizos de prevención. Os e as profesionais e o público xeral que asistan a Previsel atoparán dúas áreas: exposición e xornadas técnicas. En total, esta cita contará cunha trintena de participantes procedentesa maioría de Galicia, aínda que nesta edición se incorporan como expositores empresas especializadas en seguridade laboral de fóra da nosa comunidade, como Symalean ou Tecnovida. CCOO habilitou nesta feira un posto con materiais informativos destinados aos traballadores e traballadoras, pero tamén ao público xeral.

    Ao acto oficial de apertura asistiron Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO de Galicia, Armando Iglesias Rodríguez, secretario de Acción Sindical e Saúde Laboral de CCOO de Galicia, e Ana Isabel Barrios López, secretaria xeral da Unión Intercomarcal de CCOO de Ourense-Valdeorras e membro do Comité Asesor de Previsel.

    Na visita ao expositor de CCOO en Previsel, Amelia Pérez aproveitou para recordar que «os datos de accidentes de traballo nos últimos meses confirman o que en CCOO levamos tempo denunciando: a sinistralidade é actualmente o peor indicador socioeconómico en España, pero non se converteu nunha prioridade nin na maioría das empresas nin na acción do Goberno nas Administracións». «Porén, vimos demandando que se aborden os problemas e as causas da sinistralidade laboral de maneira intensa e efectiva, co obxectivo de recuperar o valor da prevención nas empresas e na sociedade», engadiu Amelia Pérez.

    Xornada do xoves 23

    De 10.30 a 12.00 h., Antonio Perez Jácome (CCOO do Hábitat) participara no coloquio e peche da xornada práctica «Seguridade nos traballos en altura». Organiza: Fundación Laboral para a Construción. Localización: Sala de Actividades. 

    De 11.45 a 12.45 h., CCOO organiza a conferencia «A saúde, piar fundamental nos dereitos laborais», por Roberto Manuel Garrido Martínez, da Secretaría de Saúde Laboral de CCOO-Ourense. Localización: Sala de Actividades.