Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

CCOO sinala que a reforma mellorará as pensións de 300.000 persoas en Galicia, a maioría mulleres

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia convocou este xoves unha conferencia de prensa para analizar o impacto no noso país da reforma das pensións, recentemente acordada e que a vindeira semana se enfronta ao trámite decisivo da súa validación no Congreso. Na comparecencia diante dos medios de comunicación interviñeron a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, a secretaria de Política Social, Maica Bouza, e un dos maiores especialistas na materia, Carlos Bravo, secretario confederal de Política Social e representante de CCOO na mesa que negociou este acordo. Segundo explicaron, mellorará as pensións de 300.000 persoas en Galicia, a maioría mulleres.

    23/03/2023.
    De esquerda a dereita, Maica Bouza, Amelia Pérez e Carlos Bravo

    De esquerda a dereita, Maica Bouza, Amelia Pérez e Carlos Bravo

    A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Amelia Pérez, salientou que esta reforma «pecha un ciclo», ademais de romper dogmas e contar cunha clara visión feminista e cunha perspectiva de xénero». Pecha un ciclo que comezou no 2021, «cun primeiro acordo que puña os vimbios para derrogar aquela reforma do PP de Mariano Rajoy». Ao tempo, rompe dogmas, «porque sempre se establecía neste país que a viabilidade e sostibilidade das pensións tiña que vir da man de recortes, do control dos gastos, e estamos demostrando que as cousas se poden facer de xeito diferente».

    Nesta liña, abundou cos exemplos doutros acordos recentes, como a reforma laboral ou os incrementos do salario mínimo interprofesional. «A sostibilidade do sistema de pensións ten que facerse pola vía dos ingresos», subliñou Pérez. No plano da igualdade, a sindicalista destacou que se actúa para corrixir «as desigualdades» que se dan tanto na actividade laboral das mulleres —máis precaria—, como no seu acceso ás prestacións, «porque se ven infravaloradas e perciben pensións de menores contías».

    A pensión galega, a segunda máis baixa do Estado

    Na súa intervención, a secretaria de Política Social de CCOO de Galicia apuntou que a primeira parte da reforma das pensións, pactada no verán do 2021, «beneficiaba os pensionistas presentes». En Galicia, debido aos Gobernos do PP, «somos o territorio pensionista por excelencia, pois contamos arredor de 700.000 persoas pensionistas e temos as segundas pensións máis baixas do Estado». De feito, a pensión galega «está no 85 % da media do Estado».

    Esta segunda fase da reforma «traballa nos pensionistas futuros e ten unha afectación clara naqueles colectivos, fundamentalmente mulleres, que teñen as pensións máis baixas». Maica Bouza sinalou que a reforma de pensións recentemente asinada «vai beneficiar as pensións de 300.000 persoas en Galicia, das cales un 65 % son mulleres». «Estamos a falar de máis de 200.000 persoas con pensións mínimas contributivas, por volta de 37.000 que teñen pensións non contributivas e unhas 34.000 que no mes de febreiro cobraban o complemento de fenda de xénero».

    En Galicia, o groso das pensións que se pagan son a mulleres, «cuxa situación precaria se debe a que moitas proceden do antigo réxime agrario, que aquí coñecemos ben», o que dá como resultado «que a foto que temos das pensións das mulleres hoxe en Galicia sexa dramática e inxusta». Segundo explicou Bouza, o 73 % das pensións das mulleres galegas son inferiores ao SMI e un 25 % están entre o salario mínimo e a pensión máxima. Polo tanto, «este é un acordo cunha importante fenda de xénero», concluíu.

    Garantir a sostibilidade do sistema mediante ingresos

    Pola súa parte, o secretario confederal de Política Social de CCOO amosou a súa confianza en que este acordo de pensións se valide no Congreso o vindeiro xoves, cando sexa sometido a votación o Real decreto lei que emanou do Consello de Ministros da semana pasada. Parafraseando as palabras iniciais de Amelia Pérez, «significa completar un ciclo» no cal se «reconduce completamente» unha liña de actuación sobre o sistema de pensións que estaba centrada en recortar o gasto, eixe central da reforma do PP do 2013.

    «Tras os procesos de mobilización de 2017 e 2018, que paralizaron a aplicación daquela reforma, agora conseguimos reconducir complemente a situación e facer unha aposta moi distinta», explicou Carlos Bravo.

    Grazas ás últimas dúas reformas —a do verán do 2021 e a actual—, conséguese «asumir o reto que ten o sistema de pensións en España, onde vai medrar nos próximos anos un 50 % o número de pensionistas, pasando de dez millóns a uns quince ou dezaseis que teremos contra o 2048, o que vai requirir un esforzo en termos de financiamento para manter o sistema».

    O proceso topou «con dificultades», como a existencia dun Goberno de coalición con opinións que non sempre eran coincidentes; cunha situación parlamentaria que require do consenso de diferentes forzas políticas para acadar un acordo; coa presenza, «de maneira moito máis evidente ca noutros procesos», da Comisión Europea, pois o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia comprometía o éxito desta reforma; e a propia dificultade do ámbito do diálogo social, onde as organizacións empresariais, que participaron na primeira parte do acordo, «non estiveron».

    Malia todo, «levouse a bo porto», de xeito que as dúas partes desta reforma conseguen «xustamente o contrario da do 2013: incrementar os ingresos do sistema no canto de recortar o gasto e a protección social». Por último, Carlos Bravo salientou que esta non só é unha reforma baseada en ingresos, «que o é, e de xeito moi relevante», senón que é unha reforma que mellora a protección social, que se concentra nas pensións máis baixas e na redución da fenda de xénero.