Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Abril 2024.

O primeiro ano da reforma laboral tivo efectos positivos no mercado de traballo

    As secretarías de Acción Sindical e de Emprego do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia publican un documento en que se analiza o primeiro ano da reforma laboral. Cos datos analizados, a principal conclusión é que a dita reforma tivo efectos positivos no mer­cado de traballo no ano 2022, «pero deberemos esperar a que transcorra máis tempo para sa­ber se realmente produce cambios estruturais reais como desexamos».

    27/03/2023.
    Un ano de reforma laboral. Balance e propostas

    Un ano de reforma laboral. Balance e propostas

    O primeiro dato incuestionable é o crecemento da contratación indefinida e a caída da tempo­ral, poñendo freo ao abuso da temporalidade, como ocorría ata o ano 2022. A contratación temporal pasa de supoñer o 91,7 % do total ao 68 % en tres anos, debido a que a contratación indefinida case se triplica á vez que a temporal se reduce case á metade. Polo tanto, as incor­poracións ao mercado de traballo son máis estables e as temporais, menos frecuentes.

    Constátase que a media de persoas afiliadas ao réxime xeral da Seguridade Social entre 2019 e 2022 creceu e, neste caso, só o fixo a modalidade indefinida en máis de 92 052 persoas afi­liadas de media, xa que a temporal se reduciu en case un 30 % e 68 154 persoas. A este bo re­sultado débese engadir que, da afiliación indefinida, a que numericamente experimentou un maior crecemento segue sendo a afiliación a xornada completa, a pesar de que tanto a parcial como a fixa descontinua tamén presentan unha tendencia crecente.

    Os datos sobre poboación asalariada —obtidos a partir da EPA— permiten falar dunha mellora en estabilidade laboral e redución tanto da precarie­dade como da parcialidade, que, como é sabido, son maioritariamente femininas e en moitos casos asumidas de forma involuntaria. Así, observamos a conversión da contratación temporal por indefinida e o incremento nas xornadas a tempo completo.

    Por tanto, «podemos falar de máis e mellor emprego asalariado porque, ademais de gañar en estabilidade e reducir a parcialidade, tamén aumenta a poboación asalariada indefinida a xor­nada completa», indican desde as secretarías de Emprego e Acción Sindical. O aumento foi de 24.950 traballadores e traballadoras entre 2019 e 2022.

    Na análise por sexos, malia que tanto homes como mulleres ven melloras en termos de estabilidade, menos parcialidade, máis contratación indefinida e máis emprego a xornada completa, elas fano sempre a un ritmo inferior ao dos homes. Hai que ter presente que o escenario é moi diferente entre sexos, pois as mulleres sofren maior inestabilidade labo­ral, a parcialidade recae marcadamente sobre elas e, en consecuencia, as melloras non lles afectan do mesmo xeito porque o punto de partida é diferente.

    Á vista do exposto, CCOO conclúe que a reforma laboral «está a demostrar ser un bo ins­trumento para afrontar o cambio da cultura da temporalidade que imperaba no noso mercado de traballo» e que será neceasrio «seguir traballando para que esta mellora se consolide e falar dun cambio real».