CCOO presentou as conclusións do Observatorio das persoas maiores
Na comparecencia perante os medios de comunicación tomaron a palabra Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO de Galicia; Maica Bouza, secretaria de Política Social de CCOO de Galicia; Carlos Mella, secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia; e Juan Sepúlveda, secretario xeral estatal da Federación de Pensionistas de CCOO.
A secretaria xeral de CCOO destacou que a atención ás persoas maiores «ten que ser unha prioridade para este país». Primeiro, «pola pirámide de poboación que temos», onde se constata o avellentamento progresivo ano a ano. En segundo lugar, «porque a vellez non ten que ser cantidade en termos de esperanza de vida, senón tamén calidade».
Neste sentido, Amelia Pérez reivindicou «políticas dedicadas aos coidados, sanidade ou atención á dependencia» e facer o posible para que as persoas maiores teñan unha «vellez digna». A este respecto, salientou o novo acordo de pensións, especialmente relevante para Galicia, que ten as segundas pensións de xubilación máis baixas do Estado.
Na súa intervención, Juan Sepúlveda subliñou o «reto» que supón que cada vez haxa máis poboación maior en Galicia e en España. Actualmente, máis do 20 % dos habitantes teñen 65 anos ou máis, estatística encabezada por Ourense, co 31,9 %. Canto maior for a faixa de idade, maior é tamén o número de mulleres, apuntou. De feito, a esperanza de vida das galegas —lixeiramente superior aos 86 anos— é de 5,86 anos máis que a dos homes. «As mulleres viven máis anos, pero con peor calidade de vida», lamentou o secretario xeral estatal dos Pensionistas de CCOO.
Sepúlveda finalizou a súa intervención alertando da importante fenda dixital —acrecentada após a pandemia—, pois máis do 65 % das persoas maiores recoñecen ter poucas ou nulas competencias dixitais; e esixiu que o gasto sanitario se sitúe en, polo menos, o 7,5 % do PIB, pois actualmente é do 6,4.
Carlos Mella deu os datos máis actualizados canto ás pensións. En España hai algo máis de dez millóns de pensionistas e a pensión media é de 1191 euros. En Galicia hai 769.625 pensionistas e a pensión media sitúase en 1.013,75, a segunda contía máis baixa do Estado tras Estremadura.
Finalmente, Maica Bouza defendeu a reivindicación de CCOO para recuperar o Consello Galego das Persoas Maiores. «Cómpre implicar o colectivo nas políticas que lles afectan», subliñou. Este órgano, creado no ano 2000, foi suprimido mediante decreto no ano 2015, convertendo a Galicia na única autonomía, xunto ás Illas Baleares, «que non conta cun espazo de participación institucional no que estean representadas as persoas maiores», concluíu a sindicalista.