Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO insta a Xunta a recuperar o Consello Galego das Persoas Maiores para abordar as políticas que lle afectan ao colectivo

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia insta a Xunta a recuperar o Consello Galego das Persoas Maiores por ser o «espazo de diálogo axeitado para abordar as políticas que lle afectan ao colectivo». Así o expresaron portavoces do sindicato este luns, no marco dunha conferencia de prensa na que se fixeron públicas as principais conclusións do Observatorio social de las personas mayores 2022, unha publicación que elaboran anualmente a Federación estatal de Pensionistas e Xubilados do sindicato e a Fundación 1.º de Mayo.

    28/03/2023.
    CCOO presentou as conclusións do Observatorio das persoas maiores

    CCOO presentou as conclusións do Observatorio das persoas maiores

    Na comparecencia perante os medios de comunicación tomaron a palabra Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO de Galicia; Maica Bouza, secretaria de Política Social de CCOO de Galicia; Carlos Mella, secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia; e Juan Sepúlveda, secretario xeral estatal da Federación de Pensionistas de CCOO.

    A secretaria xeral de CCOO destacou que a atención ás persoas maiores «ten que ser unha prioridade para este país». Primeiro, «pola pirámide de poboación que temos», onde se constata o avellentamento progresivo ano a ano. En segundo lugar, «porque a vellez non ten que ser cantidade en termos de esperanza de vida, senón tamén calidade».

    Neste sentido, Amelia Pérez reivindicou «políticas dedicadas aos coidados, sanidade ou atención á dependencia» e facer o posible para que as persoas maiores teñan unha «vellez digna». A este respecto, salientou o novo acordo de pensións, especialmente relevante para Galicia, que ten as segundas pensións de xubilación máis baixas do Estado.

    Na súa intervención, Juan Sepúlveda subliñou o «reto» que supón que cada vez haxa máis poboación maior en Galicia e en España. Actualmente, máis do 20 % dos habitantes teñen 65 anos ou máis, estatística encabezada por Ourense, co 31,9 %. Canto maior for a faixa de idade, maior é tamén o número de mulleres, apuntou. De feito, a esperanza de vida das galegas —lixeiramente superior aos 86 anos— é de 5,86 anos máis que a dos homes. «As mulleres viven máis anos, pero con peor calidade de vida», lamentou o secretario xeral estatal dos Pensionistas de CCOO.

    Sepúlveda finalizou a súa intervención alertando da importante fenda dixital —acrecentada após a pandemia—, pois máis do 65 % das persoas maiores recoñecen ter poucas ou nulas competencias dixitais; e esixiu que o gasto sanitario se sitúe en, polo menos, o 7,5 % do PIB, pois actualmente é do 6,4.

    Carlos Mella deu os datos máis actualizados canto ás pensións. En España hai algo máis de dez millóns de pensionistas e a pensión media é de 1191 euros. En Galicia hai 769.625 pensionistas e a pensión media sitúase en 1.013,75, a segunda contía máis baixa do Estado tras Estremadura.

    Finalmente, Maica Bouza defendeu a reivindicación de CCOO para recuperar o Consello Galego das Persoas Maiores. «Cómpre implicar o colectivo nas políticas que lles afectan», subliñou. Este órgano, creado no ano 2000, foi suprimido mediante decreto no ano 2015, convertendo a Galicia na única autonomía, xunto ás Illas Baleares, «que non conta cun espazo de participación institucional no que estean representadas as persoas maiores», concluíu a sindicalista.