Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

A Xustiza volve condenar a USC e ínstaa a negociar cos sindicatos as achegas ao plan de acción social

    A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) volve condenar a Universidade de Santiago de Compostela (USC) a negociar cos sindicatos as achegas ao plan de acción social do persoal de administración e servizos (PAS) con vínculo laboral. Este colectivo está formado por unhas 543 persoas, segundo recolle a sentenza. Agora, o alto tribunal dálle á Universidade un prazo de 30 días para abrir un proceso negociador no que se acorden as contías do dito plan para o exercicio 2021.

    29/03/2023.
    CCOO volve gañar un xuízo contra a USC por non negociar as achegas ao plan social

    CCOO volve gañar un xuízo contra a USC por non negociar as achegas ao plan social

    Segundo esta nova sentenza —a anterior é do 2020, referente aos exercicios 2018 e 2019—, a USC vulnerou tanto o disposto no convenio colectivo como o dereito dos traballadores e traballadoras á negociación colectiva.

    Conforme ao artigo 87 do convenio colectivo, a USC está obrigada a constituír anualmente un fondo de acción social para o PAS laboral, equivalente ao 1 % da masa salarial. Ese fondo, que debe ser negociado cos sindicatos, dedicarase a financiar un seguro para cubrir invalidez ou morte e para realizar achegas a un plan de pensións privado. Coas cantidades sobrantes do fondo tamén se financian outras medidas de carácter social que atanguen ao colectivo.

    A USC tentou desvincularse das súas obrigas argumentando que a Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia a forzaba a tomar medidas de contención salarial. Para o TSXG, isto, «lonxe de constituír un obstáculo, pon en evidencia o incumprimento da norma pactada [o convenio], que ten forza vinculante, obrigando as partes que o concertaron ao seu estrito cumprimento».

    Canto á vulneración do dereito á negociación colectiva, quedou tamén probada para o alto tribunal, tanto polo contido das actas achegadas no xuízo, como pola achega por parte da USC dunha contía para a acción social que non foi negociada como era preceptivo. Por esta razón, a sala conclúe que a estratexia da Universidade «parece máis ben encamiñada a bloquear e impoñer rixidamente a súa decisión de non continuar coas achegas [...], sen ofrecer alternativas».

    A USC cometeu estas vulneracións, ademais, con coñecemento de que había unha sentenza previa sobre os mesmos feitos. De feito, a propia Sala do Social lembra que se trata dos mesmos feitos xulgados en 2020, só que en referencia a un exercicio económico posterior.

    Por esta mesma razón, a sentenza obriga a USC a indemnizar a CCOO, sindicato demandante, na contía de 4000 euros pola vulneración do dereito á negociación colectiva, unha infracción tipificada como «grave». E aclara, tamén, que esta contía é superior á estipulada no ano 2020 —3126 euros— pola «necesidade de acudir a un novo proceso» xudicial.

    Agora ábrese un período de 30 días para que a USC negocie coa parte sindical as achegas correspondentes a este plan de acción social. No anterior proceso, correspondente ao período 2018-2020, «resultou nunha contía de 841,43 euros por cada un dos partícipes no subplan de pensións do PAS laboral da USC», sinala a sección sindical de CCOO.

    Aínda que cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo, CCOO agarda que, «ante o ton rotundo da sentenza», a USC cumpra coas obrigas do convenio e co contido da sentenza. Ao mesmo tempo, esixe que as achegas correspondentes ao 2022 «sexan ingresadas como corresponde, sen obrigar as traballadoras e traballadores a emprendermos unha nova acción xudicial en defensa dos dereitos laborais».