Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

Éxito da folga de autobuses que se vive este venres en toda Galicia

    CCOO, UGT e CIG cualifican de «éxito» a xornada de folga no sector de transporte de viaxeiras e viaxeiros por estrada, onde só circularon os servizos mínimos.

    31/03/2023.
    Concentración diante da estación intermodal de Santiago de Compostela

    Concentración diante da estación intermodal de Santiago de Compostela

    As asembleas de persoal aprobaron ir á folga este venres para esixir o desbloqueo da negociación colectiva. Os catro convenios provinciais están paralizados e, aínda que as mesas da Coruña, Ourense e Pontevedra manteñen as reunións, non se producen avances; pola súa parte, a de Lugo nin sequera se reúne.

    Nesta xornada de folga, ademais dos habituais piquetes informativos, houbo concentracións nas estacións de autobuses das sete cidades galegas. Foron todas ás 11:00 h, agás en Pontevedra, onde será ás 18:00 h. 

    Os sindicatos convocadores (CCOO, UGT e CIG) denuncian que á parálise dos convenios e á non actualización das condicións laborais, salariais e sociais do persoal, hai que sumar os reiterados incumprimentos dos convenios colectivos por parte da patronal, que levaron a que hoxe o sector estea altamente precarizado. 

    Malia que a maioría dos cadros de persoal están formados por traballadores condutores, nos últimos anos o colectivo de acompañantes —maioritariamente integrado por mulleres— medrou de maneira considerable. Estas traballadoras padecen unhas condicións de «precariedade absoluta», con contratos de ata media hora e continuos incumprimentos salariais.

    A isto engádese tamén o «estado lamentable» das frotas de autobuses, con vehículos moi vellos e que sofren avarías constantes.

    Para os sindicatos, a responsable desta situación é a Xunta de Galicia —Consellaría de Infraestruturas e Consellaría de Educación—, que nin sequera responderon ás múltiples denuncias presentadas.