Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

Mobilizacións en defensa dos dereitos laborais na Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra

    Desde este xoves, os traballadores e traballadoras da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra (APMRP) están chamadas a realizar concentracións de protesta en defensa dos seus dereitos laborais. Critican a dirección do porto, a falta de transparencia e a limitación de dereitos. Todo isto desembocou nunha situación que cualifican de «insostible».

    13/04/2023.
    Concentración diante do Porto de Marín

    Concentración diante do Porto de Marín

    O persoal da APMRP non está preocupado por que se lle esixa rendemento ou eficacia ou por que se valore obxectivamente o seu desempeño. Está «orgulloso» de pertencer a esta institución, cumpre coas súas funcións, ten vocación de servizo público, está orientado e fai todo o posible por cumprir as expectativas dos seus clientes.

    O único que esixen as traballadoras e traballadores é que se cumpran a lei, o convenio colectivo «e unha pequena parte dos dereitos que se recoñecen noutras Administracións e empresas privadas», sinalan.

    Por esta razón, defenden que non pode haber «medo» a solicitar «o que nos corresponde», nin tampouco temor a discrepar «ou mesmo a pensar, sen que isto se considere belixerancia que supoña ser incluído nunha lista negra».

    Malia que o porto debería ser considerado un «referente» na consecución de obxectivos baseados na eficiencia, unha Administración moderna, «somos un exemplo arcaico de todo o contrario». Atribúen isto a un modelo de dirección orwelliano, que transmite «desconfianza e opacidade, baseado na vasalaxe e no inmobilismo, ou, no peor dos casos, na discrecionalidade».

    Segundo afirman, o modelo promovido pola actual dirección resúmese en que «só un pensa, só un sabe, só un está cualificado», dando a sensación de que os demais «só somos pequenos traballadores ignorantes sen criterio e sospeitosos, que deberiamos estar agradecidos por ter un traballo».

    Porén, a APMRP non debería funcionar deste xeito porque non é propiedade nin do seu director, nin do seu presidente, polo que «non debería servir a obxectivos persoais». Neste sentido, rexeitan que ao tempo que se atribúen os resultados positivos, teñan a mesma «velocidade e descaro» de culpar o persoal de calquera cuestión desfavorable. «Ás veces parece que os nosos dirixentes cobran máis de 100 000 euros por pasearen en carruaxe e asistir a feiras».

    Mentres outras autoridades portuarias aproveitaron os seus recursos para formar e desenvolver o modelo de xestión de competencias implantado no ano 2005, en Marín «seguimos como no 2000». Mesmo se decidiu non executar a dotación salarial autorizada para desenvolvemento nos anos en que era posible. «É moi desagradable sentir que, na túa casa, na túa familia consideren que non hai nin un traballador que mereza desenvolver a súa carreira profesional», lamentan desde a representación do persoal.

    O acordo de empresa vixente, que desenvolve o convenio, é do ano 2001. Durante máis de dúas décadas non foi posible avanzar nin alcanzar ningunha mellora. Desde o ano 2019, coa aprobación do actual convenio, albiscábase a oportunidade para volver negociar este acordo, pero non foi así. Nestes catro anos, «nin se negocia, nin se argumenta, nin se escoita».

    Mentres o persoal doutros portos exerce os seus dereitos con normalidade, a falta de medidas de conciliación obriga a que un gran número de traballadores e traballadoras de Marín deban solicitar reducións de xornada. Materias como o teletraballo —implantado xa no Ministerio de que dependen desde setembro do 2022—, seguen sen empezar a negociarse. Incluso o calendario laboral, así como o sistema de valoración do desempeño, datan do ano 2015.

    O tamaño da actividade portuaria crece, tanto en termos de movemento de mercadorías como de superficies e infraestruturas que se han atender; tamén aumentan as necesidades formativas en novas competencias e, con todo, o persoal decrece. A ese incremento de tarefas únese a existencia dun cadro de persoal mal dimensionado, a insuficiente oferta de emprego público e, «o que é peor», que moitas das incapacidades temporais de longa duración nin se substitúan.

    Toda esta situación desembocou nun descontento xeral, nunha deterioración das condicións de traballo —como se puxo de manifesto na recente avaliación de riscos psicosociais— e, en consecuencia, nun empeoramento da calidade do servizo prestado.